Rocío Cochón: “Cun número récord de prazas de aloxamento, de bandeiras azuis, de visitantes internacionais cunha oferta turística de primeira, temos todo a punto para ofrecerlles aos que nos visitan as mellores experiencias nun destino único e de calidade: un verán en Poio”.
O Concello de Poio reforza durante os meses centrais do verán, os de maior afluencia de visitantes, o servizo de información e atención ao público da Oficina de Turismo do Casal de Ferreirós, adherida á Rede Info Rías Baixas, grazas a unha subvención de 7.000 euros concedida pola Deputación de Pontevedra.
A achega provincial permitirá reforzar a atención turística durante cinco meses e contribuír á mellora da calidade do servizo e á promoción do Concello e da propia provincia de Pontevedra como destino. A actuación compleméntase con fondos municipais.
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, visitou estes días as instalacións do Casal de Ferreirós para conversar coa informadora turística, á que agradeceu o seu traballo e o importante papel que desenvolve na recepción e orientación das persoas que visitan o municipio.
A responsable de Turismo subliñou que con esta incorporación e co persoal municipal, tanto as instalacións de Ferreirós como a Oficina de Turismo situada na Escola do Campo de Combarro están plenamente “operativas e preparadas para amosar e explicar o mellor do noso concello». No caso do Casal de Ferreirós o horario de atención ao público é de 8:30 a 14:30 horas e de 17:30 a 19:00 horas, de luns a venres, e sábados de 11:00 a 13:30 horas. En Combarro, as dependencias están operativas de martes a sábado, de 9:30 a 20.30 horas e os domingos entre as 11:00 e as 13.30 horas, pechando os domingos pola tarde e os luns.
“É fundamental que quen chega a Poio reciba unha atención próxima, profesional e de calidade, que lle permita coñecer todas as maravillas que ofrecemos e aproveitar ao máximo a súa estancia”, explicou Cochón, quen destacou que a porta das oficinas de turismo é “nin máis nin menos que unha porta ao propio destino, e nós temos os e as mellores persoas para dar a benvida tras esa porta”.
UN VERÁN ILUSIONANTE PARA O SECTOR
O reforzo do servizo acompaña os primeiros compases dunha tempada estival que Poio afronta con boas perspectivas e cunha oferta turística máis ampla e diversa. Durante o mes de xuño, o municipio rexistrou unha ocupación de algo máis do 55% das prazas de aloxamento dispoñibles, un dato algo superior ao de anos anteriores que confirma o bo comportamento do sector.
Tamén en turismo náutico mantivo unha evolución positiva, logo de que o Porto Deportivo de Combarro acadase en xuño unha ocupación do 60%. con embarcacións de múltiples nacionalidades.
Pero se hai un sector que amose un empuxe importante, ese é o das peregrinacións nas variantes xacobeas, logo de que durante o mes de xuño case 2.000 peregrinos selaran a súas credenciais no Mosteiro ou na Casa Consistorial, practicamente o dobre do rexistrado no mesmo mes de 2025.
Foron un total de 1.193 peregrinos de máis de 50 nacionalidades dos cinco continentes só en xuño, proba da consolidación desta modalidade como “un importante motor económico e turístico” que crea emprego e riqueza durante todo o ano.
CIFRAS RÉCORD EN CANTIDADE E CALIDADE
Así, Cochón destacou que Poio encara esta parte central do verán cun número récord de prazas de aloxamento (4.899, a máxima cifra histórica), outro récord en bandeiras azuis, nas praias de Siorto, Cabeceira e O Laño, ás que se suman catro sendeiros azuis e o recoñecemento do Museo de Colón como centro azul, unha oferta gastronómica, deportiva e cultural con cada vez maior recoñecemento ademais de patrimonio, natureza e lugares únicos como a Illa de Tambo, o Casco Histórico de Combarro, o Mosteiro de Poio, o Patrimonio Coloniano, e moito máis.
“Temos unha oferta cada vez máis completa e preparada para responder a todos os visitantes, sexan como sexa e veñan de onde veñan. O noso obxectivo é que quen visite Poio atope un destino acolledor e con experiencias de calidade: un lugar único ao que queira regresar”, concluíu Rocío Cochón.