O evento, organizado polo Motoclub A Rosa dos Ventos coa colaboración do Concello de Poio, ofrecerá durante toda a fin de semana rutas, concertos, exhibicións e actividades abertas ao público na contorna da Seca.
O Motoclub A Rosa dos Ventos celebrará esta fin de semana a súa tradicional Concentración Moteira, que regresa tras o paréntese do pasado ano para conmemorar a súa décimo cuarta edición. A cita, organizada polo Motoclub A Rosa dos Ventos coa colaboración do Concello de Poio, consolídase como un dos grandes eventos de dúas rodas das Rías Baixas e converterá Poio, durante tres días, no punto de encontro de centos de afeccionados ao motociclismo.
Nesta edición xa está confirmada a participación de persoas procedentes de 21 provincias españolas, incluídas as catro galegas, así como da cidade autónoma de Melilla e de tres illas Canarias (Lanzarote, Fuerteventura e Gran Canaria). Ademais, tamén asistirán moteiros chegados desde diferentes puntos de Portugal.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, e representantes do Motoclub A Rosa dos Ventos presentaron hoxe a programación desta edición, que combina rutas moteiras, concertos, exhibicións e numerosas propostas lúdicas na contorna da Seca.
Durante a presentación, Moldes quixo agradecer «o importante traballo que a entidade realiza ao longo de todo o ano para ofrecer unha cita atractiva para os amantes das motos e converter a Poio na capital galega do motociclismo». Ademais, destacou a importante repercusión económica e turística do evento para o municipio.
«O impacto da concentración é moi importante para a hostalaría e o comercio local. A ocupación hoteleira para esta fin de semana é importante. O epicentro está na Seca, pero os asistentes visitarán todo o municipio», sinalou o alcalde.
Pola súa banda, o presidente do Motoclub A Rosa dos Ventos, Manuel Torres, explicou que a concentración dará comezo o venres, día 10, coa tradicional ruta das antorchas por todo o municipio, un emotivo percorrido en recordo dos compañeiros ausentes, que partirá ás 22.30 horas. A continuación, celebrarase o concerto do grupo América de Vigo na Seca.
A programación continuará o sábado coa sesión vermú, xogos moteiros, concursos e animación a cargo da batucada Os Queimatasas, antes do tradicional paseo polas rúas do concello. Ás 18.30 horas terá lugar unha degustación de mexillón galego para as persoas inscritas.
Un dos momentos máis destacados da xornada será a exhibición de stunt do especialista portugués Cajó Stunt Rider, que visita por primeira vez a provincia de Pontevedra. O primeiro pase celebrarase antes da cea de confraternidade e da entrega de trofeos, mentres que o segundo terá lugar á medianoite, coincidindo co espectáculo de lume de Amelie Trotet.
A música tamén terá un papel protagonista durante o sábado, cos concertos da banda Martes Mal e de Cintia y Rose Power Live Dúo, ademais da sesión da discoteca móbil co DJ Rubén Díaz.
A concentración rematará o domingo cunha ruta moteira pola contorna, con paradas e petiscos para os participantes, e coa tradicional comida de confraternidade na carpa instalada na Seca.
Tanto Ángel Moldes como Manuel Torres fixeron un chamamento para que asistentes e visitantes gocen da programación e descubran Poio con responsabilidade. «Queremos que todos disfruten da fin de semana e o fagan con seguridade”, engadiu.
Desde a organización lembran que tanto os concertos como as rutas moteiras están abertas á participación de todos os públicos.
Preto do 85% das prazas ofertadas para a inscrición xa están cubertas, aínda que será posible formalizala tamén de forma presencial o venres. A inscrición inclúe merchandising, pincho de benvida, almorzo, degustación de mexillón galego, hospedaxe e outras vantaxes para os participantes.
Toda a programación pode consultarse na páxina web do Motoclub A Rosa dos Ventos.