A Banda de Gaitas Paramos actúa o próximo domingo na Praza do Mosteiro

05/07/2026

Poio recibirá unha das bandas de gaitas con maior proxección de Galicia. A Praza do Mosteiro consolídase como escenario de grandes concertos ao aire libre.

A Praza do Mosteiro de Poio acollerá o próximo domingo 12 de xullo, ás 21.00 horas, a actuación da Banda de Gaitas de Paramos, unha das formacións de música tradicional galega con maior proxección dentro e fóra de Galicia. O concerto, organizado polo Concello de Poio dentro da programación cultural de verán, será de entrada gratuíta, aínda que, debido á limitación de aforo, será necesario retirar previamente unha invitación. Xa se poden retirar na Casa do Concello ou solicitala a través do correo electrónico cultura@concellopoio.org.

A Banda de Gaitas de Paramos é unha agrupación musical dedicada á interpretación da música tradicional e folclórica galega, sen renunciar a incorporar ao seu repertorio adaptacións de temas actuais. A súa proposta combina gaitas, tambores, bombos, pandeiretas e outros instrumentos tradicionais, ofrecendo espectáculos nos que conviven o respecto pola tradición e unha visión renovada da música popular.

A Banda de Gaitas de Paramos está integrada por máis de cincuenta compoñentes. O seu repertorio abrangue desde pezas tradicionais galegas e portuguesas ata adaptacións doutros estilos musicais, incorporando novos matices sonoros sen perder a esencia da música de raíz. A banda desenvolve unha intensa actividade que a levou a actuar por toda Galicia e en numerosas comunidades autónomas, así como en Portugal, Alemania, EEUU e outros destinos internacionais.

O Concello de Poio anima á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta cita cultural, que permitirá desfrutar dunha das bandas de gaitas máis recoñecidas do panorama galego nun espazo tan emblemático como a Praza do Mosteiro, nunha noite dedicada á música tradicional e á cultura de Galicia.

Con esta actuación, o Concello de Poio continúa apostando por converter a Praza do Mosteiro nun escenario de referencia para a programación cultural estival. O espazo xa acolleu o pasado verán o multitudinario concerto de Carlos Núñez, que rexistrou un extraordinario éxito de participación e confirmou o atractivo deste enclave patrimonial para acoller grandes citas musicais. Nesta ocasión, a Banda de Gaitas de Paramos ofrecerá un concerto excepcional nunha contorna única, na que a música tradicional galega volverá soar aos pés do Mosteiro de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio