Os Espazos Concilia de Poio consolidan o seu éxito cunha oferta de máis de 1.000 prazas para favorecer a conciliación

03/07/2026

Ángel Moldes comprobou o funcionamento dun dos tres centros que acollen o programa municipal. O servizo mantén un horario amplo, de 7.30 a 15.00 horas, adaptado ás necesidades reais das familias durante as vacacións escolares.

Os Espazos Concilia do Concello de Poio volveron abrir as súas portas este verán para ofrecer ás familias unha alternativa que facilite a conciliación durante as vacacións escolares. O programa municipal dispón de máis de 1.000 prazas distribuídas entre os meses de xullo e setembro e desenvólvese nos colexios Isidora Riestra (San Xoán), Espedregada (Raxó) e Viñas (San Salvador).

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polas concelleiras Natividad Torres e Natalia Sabarís, visitou esta mañá o CEIP Isidora Riestra para comprobar o desenvolvemento das primeiras xornadas desta edición e compartir un tempo cos nenos e nenas participantes, que gozaron de diferentes actividades lúdicas e xogos ao aire libre, como manualidades, talleres de medioambiente e búsqueda do tesouro.

Durante a visita, Moldes destacou que «facilitar a conciliación segue a ser unha prioridade para este goberno municipal. Queremos ofrecer ás familias recursos útiles que lles permitan compatibilizar os seus horarios laborais co coidado dos seus fillos durante o verán, ao tempo que os máis pequenos desfrutan dun espazo seguro e divertido».

O alcalde incidiu en que este programa «é unha resposta a unha necesidade real das familias e unha mostra do compromiso do Goberno local coa infancia e co benestar da veciñanza».

O servizo funciona desde o 1 de xullo ata o inicio do curso escolar cun horario de 7.30 a 15.00 horas, o que permite adaptarse ás diferentes xornadas laborais das nais e pais. Ao longo das semanas, os participantes realizan xogos, talleres, actividades deportivas, dinámicas de grupo e propostas ao aire libre, favorecendo a convivencia e o lecer.

Poio continúa sendo un dos municipios da contorna que ofrece un servizo de conciliación máis accesible, tanto polo seu amplo horario como polo seu prezo, fixado en 20 euros por neno e quincena, reafirmando así a súa aposta por apoiar ás familias e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. No CEIP Isidora Riestra, ofrécense 150 prazas cada quincena dos meses de xullo e de agosto; no CEIP Espedregada, 45 por quincena os dous meses e, por último, no CEIP Viñas, 45 por quincena en xullo e agosto e a en setembro ata o inicio das clases escolares.

Por último, Moldes agradeceu tamén o labor das concelleiras responsables da organización e do persoal que atende os tres centros, «porque o seu traballo diario fai posible que as familias conten cun servizo de calidade e de confianza, e que os nenos e nenas desfruten dunha experiencia divertida durante as vacacións».

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio