O Concello recibiu unha subvención da Xunta de Galicia destinada á mellora de camiños rurais de titularidade municipal. O Pleno aprobará este mes a achega municipal, financiada co importe sobrante da execución do Parque Ánkar.
O Concello de Poio continúa avanzando na mellora da rede viaria municipal coa posta en marcha dun novo proxecto para acondicionar os camiños da Fonte e do Cruceiro, en Arén (Samieira). O Goberno local vén de iniciar os trámites administrativos para licitar estas obras, que permitirán renovar o firme e mellorar a seguridade e a accesibilidade nestas vías de titularidade municipal.
Os traballos previstos inclúen o fresado do pavimento existente para regularizar a rasante do terreo, a limpeza dos cordóns de terra vexetal nas marxes e o estendido dunha nova capa de aglomerado en toda a superficie, mellorando así as condicións de circulación e o estado xeral dos camiños.
O expediente de contratación foi aprobado esta semana pola Xunta de Goberno Local e o seguinte paso será a aprobación, no Pleno ordinario deste mes, da achega económica municipal necesaria para completar o financiamento da actuación. Esta contribución sufragarase co importe sobrante da execución do Parque de Cristóbal Colón en Ánkar, reinvestindo así uns fondos que permitirán acometer esta nova actuación sen incrementar o gasto previsto.
O proxecto conta, ademais, cunha subvención da Xunta de Galicia destinada á mellora de camiños rurais de titularidade municipal. En conxunto, o proxecto conta cun investimento próximo aos 70.000 euros.
O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Marcial García, subliña que «para o Goberno son tan importantes as grandes inversións que están a transformar Poio como estas actuacións de proximidade, que teñen unha incidencia directa na calidade de vida dos veciños e veciñas e na mellora do seu día a día».
García destaca que este tipo de intervencións permiten dar resposta ás necesidades que trasladan os residentes de cada zona, contribuíndo a conservar en boas condicións a rede de camiños municipais.