A gran semana do San Xoán comeza este luns con pregón, premios ao deporte e verbena

22/06/2026

As festas celebraranse do 22 ao 27 de xuño, inclúe sardiñada, fogueiras, festa infantil e contarán coa participación de grandes orquestras e agrupacións locais.

O Concello de Poio ten xa todo preparado para o inicio das festas de San Xoán 2026, que comezan mañá e se prolongarán ata o 27 de xuño cun amplo programa de actividades culturais, musicais, tradicionais e familiares pensado para todos os públicos.

As celebracións arrancarán mañá ás 21.00 horas coa lectura do pregón a cargo de Juan Mariño, director da Escola de Música de Campelo-Poio, unha figura estreitamente vinculada á vida cultural do municipio. A xornada inaugural incluirá tamén a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán-Pepe Otero, a actuación de Máis Cantos e a tradicional verbena do Campillo co grupo local Azabache.

A música volverá ser unha das grandes protagonistas das festas cun cartel integrado por algunhas das formacións máis recoñecidas do panorama festivo galego. Polo escenario da Seca pasarán Os Satélites (23 de xuño), Ritmo Xove e Charleston (24 de xuño), Marbella e Panorama (25 de xuño) e Capitol e Kubo (26 de xuño), consolidando o San Xoán de Poio como unha das grandes citas festivas do inicio do verán.

A NOITE DE SAN XOÁN, MOMENTO CENTRAL DAS FESTAS

Un dos momentos máis agardados da programación chegará o martes coa tradicional sardiñada popular e a gran fogueira de San Xoán na Seca. Nesta edición, o Concello reforzou a organización deste evento ampliando o número de sardiñas repartidas e incorporando como novidade o espectáculo de lume «Fogo Fatuo», da compañía Asacocirco, que precederá ao tradicional prendido da fogueira.

A noite máis máxica do ano volverá reunir a centos de persoas arredor dunha celebración que combina tradición, simbolismo e convivencia e que cada ano se converte nun dos actos con maior participación das festas.

PROTAGONISMO DAS AGRUPACIÓNS LOCAIS

A programación reserva tamén un espazo destacado para as tradicións e para as agrupacións culturais do municipio. Entre as actividades previstas figuran a tradicional recollida de herbas de San Xoán coas pandereteiras do Ronsel, así como as actuacións de Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, a Coral de Poio, o Coro Virxe da Renda, a Escola de Música de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo.

Ademais, durante todo o mes de xuño permanece aberta no Casal de Ferreirós a exposición «Mitoxénese», da artista local Sara Ramos, cun percorrido polas súas ilustracións realizadas desde o ano 2023 ata a actualidade.

As festas rematarán o 27 de xuño cunha gran festa infantil con escuma e animación musical, unha proposta especialmente dirixida aos máis pequenos para despedir unha semana de celebracións.

O Concello de Poio anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha programación pensada para compartir, convivir e celebrar unha das tradicións máis arraigadas do municipio, convertendo unha vez máis o San Xoán nun punto de encontro para todas as xeracións.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio