O alcalde Ángel Moldes entregou esta mañá os diplomas ao alumnado do curso “Persoal polivalente de supermercado”, que xa está conseguindo importantes cifras de inserción laboral. O Goberno local recoñece que cada vez hai un interese maior por parte de empresas privadas que valoran a estabilidade institucional, a axilidade administrativa e a planificación estratéxica impulsada desde o Concello para facilitar a implantación de novos proxectos empresariais.
O concello de Poio consolídase como un dos principais motores de emprego da provincia de Pontevedra. Así o recolle un informe sobre a situación laboral elaborado pola Asociación Pont-Up Store, que sitúa ao municipio como o maior xerador de emprego da contorna despois de Pontevedra e Vigo. Uns datos que o alcalde, Ángel Moldes, puxo en valor esta mañá durante a entrega dos diplomas ao alumnado do curso “Persoal polivalente de supermercado”, organizado polo Concello de Poio xunto coa Acción Contra el Hambre.
Segundo os datos do estudo, Poio alcanza os 46,9 postos de traballo por cada 100 habitantes, unha cifra que o coloca inmediatamente por detrás das dúas principais cidades da provincia, con Pontevedra rexistrando 66,3 e Vigo 51,4 empregos por cada cen habitantes.
O informe, que analiza a situación laboral de concellos da contorna como Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Marín e Sanxenxo, destaca ademais que Poio exerce un papel cada vez máis relevante como centro de emprego de referencia, ao atraer persoas traballadoras doutros municipios e reforzar a súa capacidade de xeración de actividade económica.
A análise elaborada por Pont-Up Store conclúe tamén que Poio acadou a autosuficiencia en materia de emprego, un indicador que evidencia a fortaleza do tecido económico local. Isto significa que os postos de traballo que se xeran no municipio poderían ofrecer ocupación ao conxunto da poboación residente en activo, situando ao concello nunha posición especialmente destacada dentro da provincia.
Durante a entrega dos diplomas, na que tamén participou a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, e representantes da fundación, Moldes puxo en valor a importancia de formarse e especializarse en profesións con alta empregabilidade e demanda laboral no municipio, ademais de facelo a través de programas gratuítos que facilitan novas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
De feito, das catorce persoas que participaron no curso, catro xa están traballando, dúas están a rematar as prácticas en supermercados e varias contan xa con compromiso de contratación para os meses de verán. “Unha realidade que vos debe dar ánimos e confianza porque esta formación está abrindo portas e xerando oportunidades reais”, destacou o alcalde.
Uns datos que, a xuízo de Moldes, evidencian a consolidación económica do municipio e tamén o impacto das políticas impulsadas polo Goberno local en materia de emprego, formación e dinamización económica. Entre elas, destacou a ampla oferta de cursos con elevados índices de inserción laboral, a formación en competencias dixitais para mellorar a empregabilidade e a posta en marcha do portal de intermediación laboral Emprego en Poio, ademais da organización de iniciativas e eventos que contribúen a dinamizar o tecido económico e comercial ao longo de todo o ano.
Neste senso, o alcalde asegura que Poio vive un momento de reactivación económica e de crecente atractivo para o tecido empresarial. O Goberno local, sinala, percibe un interese cada vez maior por parte de empresas privadas que valoran a estabilidade institucional, a axilidade administrativa e a planificación estratéxica impulsada desde o Concello para facilitar a implantación de novos proxectos empresariais.
“Todo isto confirma que estamos a avanzar na dirección correcta, consolidando a imaxe de Poio como un concello de oportunidades e preparado para seguir medrando”, concluíu o alcalde.