Poio volve adherirse ao convenio con Xunta e Fegamp para a vixianza, control e retirada de niños de velutina

18/05/2026

Os veciños afectados pola presencia de niños poden solicitar a súa retirada no número de teléfono 012.

O Concello de Poio volve adherirse ao convenio coa Xunta de Galicia e a Fegamp para a vixianza, control e retirada de niños de avespa asiática (velutina) no municipio.

A través deste acordo, adoptado en Xunta de Goberno Local, a veciñanza afectada pola presencia de niños pode solicitar a súa retirada no número de teléfono 012. Este convenio ten unha duración anual, e permite poñer a disposición dos concellos un sistema de avisos que se canalizan polas chamadas recibidas e informa ás entidades locais da xestión de todos os avisos de niños de vespa velutina recibidos por esta canle.

Para garantir e xestionar estes avisos, inclúese a revisión, eliminación ou neutralización dos niños activos e realizar as actuacións que procedan nun tempo máximo de cinco días hábiles e sinalización da localización dos niños inactivos non retirados, para evitar así réplicas de avisos.

Desde o Concello de Poio sosteñen que a loita contra esta especie invasora é cousa de todos, e por iso é importante seguir potenciando a coordinación entre todas as administracións, sectores produtivos afectados e a sociedade no seu conxunto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio