O Concello de Poio formará parte por primeira vez do Rallye de Pontevedra, unha das probas deportivas destacadas do calendario automobilístico galego, incorporándose á oitava edición da competición coa celebración dun tramo de probas no municipio.
A colaboración materializarase a través do “Shakedown”, previsto para o venres 5 de xuño pola mañá, no entorno da Escusa. Este tramo permitirá aos equipos realizar os últimos axustes antes do inicio oficial da competición.
O Rallye de Pontevedra 2026 perfílase ademais como unha cita decisiva para o título autonómico, cunha participación prevista de arredor de 140 equipos, incluíndo os principais candidatos á vitoria final e aos distintos trofeos promocionais da Federación Galega de Automobilismo.
Dende o Concello de Poio destácase a importancia de acoller eventos deportivos deste nivel, tanto polo seu impacto na dinamización económica e turística do municipio como pola proxección exterior que supoñen para Poio.
Con esta incorporación ao percorrido da proba, Poio continúa reforzando a súa aposta pola promoción do deporte e pola organización de actividades que contribúan á visibilidade e ao desenvolvemento do municipio.