Aprazado o Día de Colón en Combarro pola previsión de choiva e vento: celebrarase o 22 e 23 de maio

06/05/2026

Manterase a ampla programación de actividades e espectáculos, con xusta medieval, cetrería, espadeiros, teatro e baile medievais, música en directo, mercado, xogos tradicionais e talleres artesanais. Volven a abrir as inscricións para participar no mercado medieval e nos xantares na rúa.

O Concello de Poio e as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas aprazan o Día de Colón, que se celebrará o 22 e 23 de maio en Combarro. A previsión de choiva e vento para esta fin de semana obriga a adiar a cita.

Desde a organización confirman que se manterá a ampla programación de actividades e espectáculos, tras confirmar con todos os participantes o cambio de datas. O obxectivo é evitar que as inclemencias do tempo desluzan unha xornada que promete ser un éxito de participación, na que están totalmente involucrados colectivos locais e veciños de Combarro, que nos últimos días se esforzaron por adornar as rúas para a ocasión.

Coa nova data, volven abrir as inscricións para participar no mercado medieval por si hai algún artesán que co cambio de data quere sumarse (enviando correo electrónico a asociacioncombrus@hotmail.com), así como aos xantares na rúa, que poden formalizala na Oficina de Turismo en Combarro.

UNHA PROGRAMACIÓN QUE RELACIONA A FIGURA DE CRISTÓBAL COLÓN CON POIO

Durante dúas xornadas, esta vila mariñeira converterase nun escenario vivo para rememorar a figura de Cristóbal Colón e a súa vinculación con Poio, a través dunha completa programación pensada para todos os públicos. As rúas de Combarro encheranse de vida con actividades e espectáculos de ambientación medieval, que incluirán música en directo, animación de rúa, mercado artesanal, representacións e propostas participativas. Un dos obxectivos desta celebración é impulsar e dar a coñecer a teoría do Colón galego, o Colón de Poio e de San Salvador.

O Día de Colón comezará o venres 22 de maio coa chegada, ás 19.30 horas, da nao Santa María con Colón e a súa tripulación á Praza da Chousa, onde se instalará o mercado medieval e haberá xogos tradicionais. A continuación, terá lugar o pregón a cargo de Mundo Nores. A xornada rematará cunha exhibición de cetrería e bailes medievais coa Asociación Leucoíña.

O sábado 23, desde as 11.00 horas, a Praza da Chousa acollerá talleres demostrativos de canteiros, cesteiras, palilleiras e redeiras, así como clases de esgrima medieval e mercado artesanal. Na Praia do Padrón desenvolveranse exhibicións e obradoiros de tiro con arco.

Ao longo de toda a xornada, diferentes grupos e artistas percorrerán as rúas con música e animación, entre eles Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, Os Mendigos, As Pandereiteiras do Ronsel, Os Queimatasas e Os Vikingos. Tamén haberá bailes medievais coa Asociación Leucoíña e teatro itinerante con Moura Teatro.

A Festa dos Meninos, con zona infantil, comezará ás 11.30 horas. Durante a mañá tamén haberá exhibicións de esgrima histórica e cetrería.

Xa pola tarde, continuará o tiro con arco na Praia do Padrón, mentres que na Praza da Chousa o Grupo de Carnaval Samieira organizará xogos tradicionais como carreiras de barrís e de sacos ou lanzamento de alpacas. Tras unha nova exhibición de cetrería, ás 18.30 horas dará comezo a Xusta Medieval, unha das citas máis esperadas. A programación completarase co concerto de Os Mendigos, ás 20.00 horas, e un espectáculo medieval de lume ás 21.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio