O Concello incorpora ao seu patrimonio “Almiñas” de Carlos Sobrino, grazas á herdanza de María del Carmen Gastañaduy García

03/05/2026

O alcalde Ángel Moldes recibiu esta mañá o cadro, da man dos familiares desta veciña de San Salvador.

O Concello de Poio incorpora ao seu patrimonio a obra “Almiñas”, do artista Carlos Sobrino, gracias á herdanza de María del Carmen Gastañaduy García, veciña de San Salvador.

Unha decisión recollida no seu testamento como mostra de cariño a este municipio, para expoñela de xeito permanente no descanso da escaleira de acceso á Casa do Concello. O alcalde Ángel Moldes, acompañado pola concelleira Rocío Cochón, foi o encargado de recibir esta mañá o cadro, nun acto que contou tamén coa participación da familia.

Almiñas é un lenzo de gran formato (185×240 cm), plenamente representativo da produción de Carlos Sobrino. Un óleo no que conflúen tres elementos recorrentes na súa obra: a arquitectura, representada con precisión nos detalles; a figura humana, caracterizada por actitudes e xestos estudados; e a paisaxe, que actúa como fondo e estrutura compositiva.

A obra inscríbese no realismo postimpresionista que caracteriza a súa traxectoria, cun cromatismo luminoso, composición equilibrada e visión idealizada e harmónica da vida rural galega. Trátase dunha das primeiras obras nas que Sobrino abandona o simbolismo literario e o primitivismo da súa produción inicial para achegarse ao costumismo rexionalista, influído pola órbita estilística de Fernando Álvarez de Sotomayor, que desenvolverá plenamente en etapas posteriores. Destaca tamén que a obra conserva o marco de época, de madeira tallada, que incrementa o seu valor histórico e artístico.

Este cadro foi presentado na Exposición Nacional de Belas Artes de 1917, sendo amplamente difundido pola prensa e a crítica da época.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio