Rumbo á historia: Poio celebra o Día de Colón cunha ampla programación de actividades e espectáculos medievais

28/04/2026

Celebrarase o 8 e 9 de maio en Combarro, e inclúe xusta medieval, cetrería, espadeiros, teatro e baile medievais, música en directo, mercado, xogos tradicionais e talleres artesanais. Ángel Moldes: “Apostamos pola historia, pola tradición, pola cultura e, por suposto, tamén por dinamizar a actividade turística e comercial do municipio, ofrecendo unha experiencia única tanto para veciñanza como para visitantes”.

O Concello de Poio e as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas organizan a XII edición do Día de Colón, o 8 e 9 de maio en Combarro, unha cita xa consolidada que combina historia, cultura e lecer.

Durante dúas xornadas, esta vila mariñeira converterase nun escenario vivo para rememorar a figura de Cristóbal Colón e a súa vinculación con Poio, a través dunha completa programación pensada para todos os públicos. As rúas de Combarro encheranse de vida con actividades e espectáculos de ambientación medieval, que incluirán música en directo, animación de rúa, mercado artesanal, representacións e propostas participativas.

O alcalde Ángel Moldes, os concelleiros de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e de Festexos, Fran Dasilva, e representantes das asociacións organizadoras, presentaron esta mañá a programación da festa. O escenario elixido foi o parque de Ánkar, onde desde hai meses está en funcionamento un parque infantil con Colón e a súa carabela como protagonistas.

“Entendíamos que este ano tocaba presentar aquí a programación do Día de Colón, nun parque que desde a súa inauguración é punto de reunión de miles de familias que, de paso, descobren que moi preto de aquí, en Portosanto, está o Museo de Cristóbal Colón”, explicou Moldes.

Precisamente, indicou que un dos obxectivos desta celebración é impulsar e dar a coñecer a teoría do Colón galego, o Colón de Poio e de San Salvador: “Queremos que o Día de Colón teña unha intención divulgativa, para promover a teoría do Colón de Portosanto e seguir defendendo a relación de Colón co noso concello. Apostamos pola historia, pola tradición, pola cultura e, por suposto, tamén por dinamizar a actividade turística e comercial do municipio, ofrecendo unha experiencia única tanto para veciñanza como para visitantes fóra da tempada alta”, engadiu ao tempo que recordou que na edición do ano pasado os locais colgaron o cartel de completo.

Neste senso, agradeceu ás persoas e colectivos implicados o seu esforzo e traballo: “Cada ano vai a máis: máis decorado nas rúas, máis compromiso coa programación… Unha implicación para seguir aumentando esta festa que é preciso recoñecer”.

Por último, convidou a toda a cidadanía e ás persoas que se acheguen á comarca a participar nesta celebración, que converte a Poio e Combarro nun punto de encontro coa historia, a tradición e a festa.

PROGRAMACIÓN

O Día de Colón comezará o venres 8 de maio coa chegada, ás 19.30 horas, da nao Santa María con Colón e a súa tripulación á Praza da Chousa, onde se instalará o mercado medieval e haberá xogos tradicionais. A continuación, terá lugar o pregón a cargo de Mundo Nores. A xornada rematará cunha exhibición de cetrería e bailes medievais coa Asociación Leucoíña.

O sábado 9, desde as 11.00 horas, a Praza da Chousa acollerá talleres demostrativos de canteiros, cesteiras, palilleiras e redeiras, así como clases de esgrima medieval e mercado artesanal. Na Praia do Padrón desenvolveranse exhibicións e obradoiros de tiro con arco.

Ao longo de toda a xornada, diferentes grupos e artistas percorrerán as rúas con música e animación, entre eles Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, Os Mendigos, As Pandereiteiras do Ronsel, Os Queimatasas e Os Vikingos. Tamén haberá bailes medievais coa Asociación Leucoíña e teatro itinerante con Moura Teatro.

A Festa dos Meninos, con zona infantil, comezará ás 11.30 horas. Durante a mañá tamén haberá exhibicións de esgrima histórica e cetrería.

Xa pola tarde, continuará o tiro con arco na Praia do Padrón, mentres que na Praza da Chousa o Grupo de Carnaval Samieira organizará xogos tradicionais como carreiras de barrís e de sacos ou lanzamento de alpacas. Tras unha nova exhibición de cetrería, ás 18.30 horas dará comezo a Xusta Medieval, unha das citas máis esperadas. A programación completarase co concerto de Os Mendigos, ás 20.00 horas, e un espectáculo medieval de lume ás 21.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio