A xornada, organizada polo Pontevedra Rugby Club e na que colabora o Concello de Poio, xuntará a preto de trescentos rapaces de 4 a 12 anos e as súas familias nos campos municipais da Seca. Ángel Moldes sinala que supón unha oportunidade para seguir fomentando o deporte e todos os valores que promove, ao tempo que contribúe a dinamizar o concello e favorece o seu desenvolvemento socioeconómico.
Os campos municipais da Reiboa, na Seca, serán este sábado o epicentro do rugby base en Galicia coa celebración da VI Concentración de Escolas de Rugby. Un evento que reunirá a preto de trescentos nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, acompañados das súas familias, nunha xornada de convivencia e deporte.
A cita está organizada polo Pontevedra Rugby Club, coa colaboración do Concello de Poio, e contará coa participación de escolas de rugby de Galicia e de Portugal, que compartirán experiencias e valores arredor deste deporte en auxe. Así, participarán nesta concentración os clubs Crat A Coruña, Fendetestas RC, Ferrol RC, Ingleses RC, Lalín RC, Mareantes RCP, Muralla RC, Ourense RC, Pontevedra RC, Santiago RC, Vigo RC, Zalatea RC e a Escolinha de Rugby da Trofa, que lle dá o carácter internacional ao evento.
Ao longo do día, os máis pequenos e pequenas poderán gozar de partidos, xogos e actividades formativas que buscan fomentar o compañeirismo, o respecto, a diversión e a paixón polo rugby desde idades temperás.
O alcalde Ángel Moldes e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, que presentaron a proba xunto a membros de Pontevedra Club Rugby, destacan o carácter lúdico e formativo da concentración, que se consolida como unha referencia anual para as escolas de rugby galegas e unha oportunidade para visibilizar o traballo que se realiza na base. Unha experiencia da man dun deporte que continúa crecendo cada día e que, ademais, neste municipio está incluído na oferta que o Concello de Poio ofrece a través das escolas deportivas.
Esta xornada de convivencia, homologada pola Federación Galega de Rugby, vivirase en formato torneo nos dous campos municipais da Reiboa. Xogarase a nivel formativo e non competitivo, de modo que non haberá marcadores e si moita ensinanza e aprendizaxe da man de adestradores e árbitros.
Os partidos comezarán a partir das 11.00 horas nas categorías M6, M8 e M10, e ao remate gozarase do tradicional terceiro tempo do rugby, no que todos os nenos e nenas participarán nun picnic na contorna da Seca.
“Todas estas iniciativas son importantes para dinamizar o noso concello, para encher de vida as nosas rúas e para ofrecer propostas deportivas e de ocio para todas as idades”, engade o alcalde que, recorda, “familias de toda a xeografía galega e de Portugal aproveitarán para descubrir o noso concello, para gozar dun día e, nalgúns casos, incluso dunha fin de semana de deporte, ocio e turismo”.