Ángel Moldes subliña que “seguimos traballando para ofrecer espazos de calidade tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan, reforzando o atractivo do noso litoral”.
O Concello de Poio vén de completar a instalación dos novos baños públicos e do posto de socorrismo na praia de Cabeceira, en Lourido, culminando así unha actuación que contou cun investimento de preto de 50.000 euros.
Un proxecto que permite mellorar de xeito notable as condicións de hixiene e seguridade na praia, ao tempo que dota ao areal de servizos sanitarios modernos e accesibles, que tamén estarán dispoñibles para uso das mariscadoras e mariscadores que traballan na zona.
O alcalde, Ángel Moldes, subliña que desde o Concello de Poio “seguimos traballando para ofrecer espazos de calidade tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan, reforzando o atractivo do noso litoral”.
O novo módulo sitúase no mesmo emprazamento que ocupaba a antiga caseta de socorrismo e que presentaba un elevado deterioro. As instalacións novas contan cunhas dimensións aproximadas de 8,34 metros de longo, 2,36 metros de ancho e 2,85 metros de altura.
No seu interior inclúense aseos femininos e masculinos, cada un con inodoro individualizado e lavabo, totalmente adaptados para persoas con mobilidade reducida. Pola súa banda, o posto de socorrismo dispón dun espazo habilitado para tarefas de vixilancia, primeiros auxilios e coordinación de emerxencias.
A praia da Cabeceira, un dos dous areais de Poio que contan co distintivo Bandeira Azul, reforza así a súa oferta de servizos. Ata o de agora, durante a tempada estival era necesario recorrer ao alugueiro de aseos portátiles para cumprir cos estándares de calidade esixidos.
Coa posta en funcionamento desta infraestrutura permanente, o Concello non só mellora o servizo ofrecido á veciñanza e ás persoas usuarias cun espazo máis cómodo e con maior calidade, senón que tamén prevé optimizar os recursos municipais, ao eliminar custos recorrentes e amortizar o investimento nun curto período de tempo.