Poio colga o cartel de “aberto” por Semana Santa, con “patrimonio, natureza, gastronomía, deporte e moito máis” para todo o mundo

01/04/2026

A partir de hoxe abren ao público espazos como a Oficina de Turismo de Combarro ou a Casa-Museo de Colón, en Portosanto. As visitas guiadas a Tambo, o Mosteiro de Poio, o Casco Histórico de Combarro ou as dúas variantes xacobeas son tamén puntos fortes da oferta turística do municipio nestas datas.

O Concello de Poio colgou hoxe o cartel de “aberto por Semana Santa”, para dar a benvida aos visitantes neste primeiro período vacacional do ano, no que o municipio ofrece “patrimonio, natureza, gastronomía, deporte e moito máis” para todo o mundo.

Esta apertura simbólica vén acompañada do inicio da actividade de distintos espazos municipais para recibir ás persoas que queiran descubrir ou redescubrir o municipio, como a Oficina de Turismo de Combarro, situada na Escola do Campo, ou a Casa-Museo de Colón, en Portosanto, que conta tamén desde hoxe cunha persoa para recibir aos visitantes, contratada ao abeiro do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, quixo darlle a benvida persoalmente a Amelia Fontán, a nova informadora, xunto á técnica de turismo municipal, e agradecerlle por adiantado a acollida e a atención que prestará aos veciños e visitantes que se acheguen á casa natal do navegante para descubrir o patrimonio coloniano de Poio.

Cochón recordou que o pasado ano máis de 700 persoas visitaron a Casa-Museo entre abril e outubro, das que o 15% foron estranxeiros, o que reflicte “un gran potencial e un interese crecente pola figura do Colón de Poio”, que tamén esta presente en elementos como o Bosque de Colón, o Día de Colón ou o recén inaugurado Parque de Colón, en Ánkar.

O horario de apertura da Casa-Museo de Colón será de martes a sábado, de 9:30 a 14:30 horas, durante a Semana Santa e permanecerá aberta de aquí en diante co mesmo horario. Tamén hoxe arranca o funcionamento da Oficina de Turismo de Combarro, cuxo horario será de martes a sábado, de 9:30 a 21:00 horas, e os domingos pola mañá, e apertura os festivos. A maiores, a atención compleméntase coa Oficina Turística do Casal de Ferreirós, que mantén o seu horario habitual de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas. As oficinas de turismo atenderon en 2025 a case 9.000 persoas.

UN DESTINO IDEAL PARA VISITAR EN SEMANA SANTA “EN PARELLA, EN FAMILIA, SÓ OU CON AMIGOS”

Cochón trasladou ademais o “optimismo prudente” do sector de cara a este período vacacional, en parte grazas ás boas previsións meteorolóxicas. Poio encara este período vacacional con case 5.000 prazas de aloxamento dispoñibles e “uns profesionais e establecementos de primeirísimo nivel no corazón das Rías Baixas”.

Resaltou que Poio é “un destino ideal” para visitar “en parella, en familia, só ou con amigos”, as 52 semanas do ano, pero tamén nesta Semana Santa, para a que hai que resaltar as dúas variantes do Camiño de Santiago, que cruzan miles de peregrinos, as visitas guiadas á Illa de Tambo, o Casco Histórico de Combarro, os catro Sendeiros Azuis ou a espiritualidade e a beleza do Mosteiro de Poio, especialmente nestas datas”.

Rematou dirixíndose a todos os visitantes potenciais para resaltar que: “Somos un destino de calidade referente en turismo natural, deportivo cultural e gastronómico e con mil lugares ideais para percorrer estas vacacións. Agardámosvos cos brazos abertos”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio