A primeira fase xa está en marcha en zonas como A Caeira, Viñas, Portosanto, O Bao, Valiñas e Ánkar, onde se detectou un maior deterioro da sinalética. A substitución destas placas enmárcase dentro do plan de mantemento e mellora continua que o Concello de Poio está a desenvolver en todo o municipio.
O Concello de Poio iniciou un plan de renovación das placas identificativas das rúas e prazas de todo o municipio, unha actuación que permitirá mellorar tanto a imaxe urbana como a orientación. Os traballos comezaron na parroquia de San Salvador, onde se detectou un maior deterioro da sinalética, con moitas placas desgastadas polo paso do tempo e, nalgúns casos, practicamente ilexibles, e posteriormente irase realizando no resto de parroquias.
Esta intervención non só busca substituír os elementos danados, senón tamén establecer un modelo común que permita homoxeneizar a sinalización en todo o termo municipal, facilitando así a identificación das vías tanto para a veciñanza como para visitantes.
A renovación xa está en marcha en zonas como A Caeira, Viñas, Portosanto, O Bao, Valiñas e Ánkar. En total, nesta primeira fase substituiranse preto de 120 sinais, das máis de 600 que se colocarán ao longo dos próximos meses en todo o concello. Ademais da colocación das novas placas, os traballos inclúen o pintado e tratamento dos soportes metálicos existentes, garantindo unha maior durabilidade e resistencia fronte ás condicións meteorolóxicas.
OUTRAS LABORES DE MANTEMENTO EN TODO O TERMO MUNICIPAL
A substitución destas placas enmárcase dentro do plan de mantemento e mellora continua que o Concello de Poio está a desenvolver en todo o municipio. Neste sentido, continúa estes días o operativo de limpeza intensiva nas beirarrúas, co obxectivo de mellorar o estado dos espazos públicos e reforzar a súa conservación.
Ademais, leváronse a cabo tarefas de mantemento na pasarela de madeira da praia de Lourido e está previsto que mañá comecen actuacións na ruta dos muíños de Samieira, co fin de mellorar a seguridade e o estado destas infraestruturas. Con anterioridade xa se realizaron nas pontes da Ostreira e nos propios muíños de Samieira.
A maiores, continúan as labores de desbroce en todo o termo municipal —uns traballos que se desenvolven ao longo de todo o ano—, así como as tarefas de limpeza dos areais, reforzando o coidado do espazo público e do litoral do municipio.