A Volta a Nado Illa de Tambo–Concello de Poio abre as inscricións da quinta edición

12/03/2026

As inscricións para as tres distancias de 6 km, 4,5 km e 1 km poderán realizarse a través da páxina web www.magmasports.es. O día anterior á proba organizarase unha visita guiada á illa coa navieira Mar de Ons, con degustación de mexillóns a bordo dun catamarán para os nadadores e acompañantes.

A Volta a Nado Illa de Tambo–Concello de Poio abrirá mañá venres, a partir das 10.00 horas, as inscricións da V edición da travesía, que se celebrará o domingo 26 de xullo en Combarro cos tres percorridos de 1 km, 4,5 km e 6 km. As inscricións poderán realizarse na páxina web www.magmasports.es ata o 21 de xullo.

A organización da proba, Atlantic Extreme Sport e o Concello de Poio, agardan reunir a máis de 300 nadadores de distintos puntos de España e do estranxeiro, e será un dos eventos deportivos máis importantes que se celebrarán en Poio durante o verán.

A proba contará cos percorridos de 4,5 km e 6 km, que se celebrarán na contorna da illa de Tambo. Ademais, disputarase a distancia de 1 km, na que poderán participar nadadores a partir de 12 anos, que consistirá nun triángulo que se desenvolverá moi preto da Praza da Chousa, o que permitirá que a proba poida ser seguida por numeroso público.

A travesía a nado ten como obxectivos fomentar a natación entre a xente máis nova, consolidarse como unha das competicións de natación en augas abertas máis importantes que se disputan en España e poñer en valor a riqueza natural, cultural, histórica e patrimonial da illa de Tambo.

A información da proba e o regulamento están dispoñibles na páxina web www.voltaanadoilladetambo.es.

A proba de 6 km permitirá aos participantes dar a volta completa á illa de Tambo, pasando polo faro de Tenlo Chico e a praia de Adreirá, mentres que no percorrido de 4,5 km os nadadores terán que ir ata a praia de Area da Illa, situada ao norte de Tambo. Alí haberá un control de paso obrigatorio para todos os participantes desta distancia.

O neopreno será optativo en todos os percorridos, mentres que a boia de seguridade será obrigatoria para os participantes das probas de 4,5 km e 6 km.

As tres distancias serán cronometradas mediante chip electrónico a través da empresa Magma Sports, e os percorridos estarán balizados con boias para facilitar a orientación dos nadadores. Os participantes estarán acompañados por embarcacións pneumáticas, kaiaks e paddle surf.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio