A EsMu de Poio presenta “Estrelas de rock”, un concerto especial con Javier Ojeda e Goar Iñurrieta

11/02/2026

O concerto celebrarase o sábado 7 de marzo na Seca, ás 20.00 horas, con entrada de balde. Trátase dun novo proxecto musical da Escola de Música, en colaboración co Concello de Poio, que terá continuidade no tempo.

A Escola de Música de Poio (EsMu), coa colaboración do Concello de Poio, anuncia a celebración de “Estrelas de rock”, un concerto especial no que a Banda de Música de Poio compartirá escenario con dous referentes da música nacional: Javier Ojeda e Goar Iñurrieta. A cita terá lugar o sábado 7 de marzo, ás 20.00 horas, na Seca, con entrada gratuíta.

Javier Ojeda, cantante e compositor con máis de catro décadas de traxectoria e líder do emblemático grupo Danza Invisible, e Goar Iñurrieta, guitarrista vinculado á histórica banda Cicatriz, achegarán a súa experiencia e estilo a un proxecto que busca unir a formación musical coa música rock nun formato accesible para todos os públicos.

Desde a Escola de Música destacan que “Estrelas de rock” nace coa vocación de converterse nunha iniciativa estable, coa intención de repetirse de xeito anual e abrir a Banda de Música a novas colaboracións artísticas.

Nas vindeiras semanas daranse a coñecer máis detalles sobre o concerto e a proposta musical, para o que a Banda de Música xa está ensaiando desde hai varias semanas. Esta actuación supón a primeira vez que a banda, integrada por preto de 40 persoas de idades comprendidas entre os 8 e os 80 anos, actuará xunto a artistas convidados.

Precisamente, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polo concelleiro de Festexos e Eventos, Fran Dasilva, e pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, asistiu recentemente a un destes ensaios nas instalacións do Pazo Besada. Un espazo habilitado este mesmo curso para albergar as clases da Escola de Música, máis amplo e cómodo para o alumnado e as familias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio