Foi un dos asuntos tratados na Mesa de Comercio Local que se celebrou esta mañá, coa asistencia do alcalde Ángel Moldes e da presidenta de EnPoio, Loli Otero. Os obxectivos son dinamizar o comercio local, fomentar o consumo de proximidade e dar visibilidade aos negocios de Poio tanto entre a veciñanza como entre as persoas visitantes.
Poio Mostra xa ten datas para a súa próxima edición. A feira multisectorial e de vehículos de ocasión celebrarase do 10 ao 12 de abril na Seca, tras o éxito acadado o ano pasado, cando rexistrou arredor de 6.000 visitantes. As datas foron acordadas na Mesa de Comercio Local celebrada esta mañá no Concello de Poio.
A reunión estivo presidida polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa participación da presidenta da asociación EnPoio, Loli Otero; da concelleira de Promoción Económica, Maritxe González; así como de representantes da Xunta de Galicia.
Durante o encontro puxéronse en valor os bos resultados da pasada edición, que cumpriu cos seus obxectivos de dinamizar o comercio local, fomentar o consumo de proximidade e dar visibilidade aos negocios de Poio tanto entre a veciñanza como entre as persoas visitantes. Tal e como sinalou o alcalde, a feira non se centra unicamente na venda de produtos de stock, senón tamén en reforzar a imaxe e a calidade do comercio local.
Estes mesmos obxectivos marcarán a edición deste ano, organizada polo Concello de Poio en colaboración coa asociación EnPoio. Os negocios interesados en participar poden solicitar máis información a través da asociación, no teléfono 608 291 193. O requisito imprescindible é estar dado de alta como autónomo.
O prezo dos stands variará en función da superficie ocupada: un posto de 12 metros cadrados terá un custo de 96 euros para os tres días de feira, mentres que un de 18 metros cadrados custará 144 euros.
“Poio Mostra é unha oportunidade para reunir nun mesmo espazo a diversidade e a calidade da oferta comercial do noso municipio, facilitando que a cidadanía consuma en Poio, cunha atención próxima e produtos de calidade”, destacou Ángel Moldes, quen subliñou a importancia de seguir avanzando para consolidar esta cita no calendario local.
O alcalde puxo tamén en valor o diálogo constante co tecido económico do municipio e o traballo da asociación empresarial, lembrando que a colaboración entre administración, comercio e autónomos está a dar froitos en forma de máis actividade, novos establecementos e maior dinamismo nas rúas de Poio.