Ángel Moldes: “Temos por diante un Entroido participativo, animoso e pensado para toda a familia”, e subliña a importancia da implicación das comparsas, grupos e asociacións locais para facer posible unha programación que combina tradición e identidade propias.
O Concello de Poio presentou esta mañá a programación do Entroido 2026, unha proposta ampla, diversa e pensada para todas as idades, que se desenvolverá durante preto dun mes en todas as parroquias do municipio. O acto contou coa participación do alcalde, Ángel Moldes, a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, así como de representantes das comparsas, colectivos e grupos locais que toman parte activa nesta edición.
Moldes destacou que “temos por diante un Entroido participativo, animoso e pensado para toda a familia”, subliñando a importancia da implicación do tecido asociativo local para facer posible unha programación que combina tradición e identidade propias.
Así, a programación comeza o domingo día 15 en Campelo, cun desfile en horario de mañá que xa está a espertar un notable interese dentro e fóra do concello. A dous días de pechar o prazo de inscricións (venres 6), xa hai participantes procedentes de Santiago de Compostela, Vigo, Baiona, Nigrán, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior e outros puntos de Galicia, ademais dos grupos da contorna. “Agardamos un desfile moi participativo, tanto polo número de grupos inscritos como polo volume de persoas que os integran, o que reforza o carácter aberto e atractivo do Entroido de Poio”, sinalou. No concurso repartiranse preto de 5.000 euros en premios nas categorías infantil e adulto, individual, parellas e grupos.
A PASARELA DE ENTROIDO CONSOLÍDASE
As comparsas volverán ter un papel protagonista na Pasarela de Entroido, que celebrará a súa terceira edición o venres 27 na Seca. O evento contará con exhibicións dalgunhas das mellores comparsas e grupos da provincia e culminará cunha grande festa coa animación musical de Dolce Vita e entrega de mencións especiais. Segundo explicou o alcalde, “a Pasarela de Entroido é xa unha cita plenamente considerada e considerada polas comparsas como un escaparate destacado para amosar o seu traballo e creatividade”: De feito, xa hai confirmada a participación de once agrupacións de diferentes puntos da provincia.
O sábado 28 terá lugar o Enterro do Galo Fodorico na Praza do Mosteiro a partir das 21.00 horas, seguido da tradicional Festa Choqueira, organizada pola ACV Ronsel, que inclúe premios, chocolate quente e actuación musical.
UN AMPLO ABANO DE PROPOSTAS EN TODAS AS PARROQUIAS
A programación complétase cun amplo abano de festas, bailes, desfiles e enterros nas distintas parroquias do municipio. O mércores 18, ás 19.00 horas, será a presentación do Galo Bruxo en Samieira, mentres que ás 20.00 horas enterrarase o Mexillón en Combarro. Organizado polo Ateneo Corredoira, o cortexo fúnebre percorrerá o peirao da Canteira e o paseo das Redeiras ata chegar á Praza da Chousa.
Organizado pola asociación de veciños, Lourido celebra a festa familiar e Enterro do Berberecho o domingo 1 de marzo, a partir das 19.00 horas no parque Costa Xiráldez.
O desfile e enterro do Galo Bruxo de Samieira, organizado pola SCD Samieira, será o sábado 14 de marzo a partir das 18.00 horas. Con saída da Praza Amalita, en Arén, o cortexo fúnebre continuará ata a Casa do Pobo en Río de Bois. Por útlimo, o xoves 19., a Asociación de Veciños de Vilariño celebra o enterro da Galiña Vilarica, ás 18.30 horas.
Unha programación moi ampla e participativa que contribúe a ampliar e enriquecer o Entroido de Poio e a levalo a todos os recunchos do concello. “Temos por diante unha programación variada, ampla e pensada para todas as idades, que encherá de cor, música e animación as rúas de Poio”, concluíu o alcalde, animando tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a participar e gozar dunha festa con moito arraigo en Poio.
PRETO DE 5.000 EUROS EN PREMIOS NO DESFILE
Este venres remata o prazo para inscribirse no Desfile de Entroido que se celebrará o domingo 14 en Campelo, a partir das 12.00 horas. O Concello de Poio repartirá preto de 5.000 euros entre os premiados.
As categorías nas que se pode concursar no desfile de Entroido son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.
O prazo para anotarse estará aberto ata este venres. Os grupos deberanse inscribir a través da sede electrónica do concello, mentres que no caso da inscrición individual ou en parellas pódese facer tamén no rexistro xeral do Concello de Poio, entre as 8:30 e as 14:00 horas ou, só nestas dúas categorías, facer a inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal. Xunto coa solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación: copia do DNI do/da participarte no desfile e do/da seu titor/a ou representante legal, no caso de menores de idade. No caso de asociacións, copia do CIF da entidade e do DNI da persoa representante.
Na categoría de adultos, o 1º premio do disfrace individual será de 170€, 120€ para o segundo, 75€ para o terceiro e 50€ para o cuarto clasificado. En parellas, o primeiro posto recibirá 210€, 160€ o segundo, 120€ o terceiro e 90€ o cuarto. Por grupos, os gañadores terán un premio de 500€, 400€ para os segundos clasificados, 300€ para os terceiros, 200€ para os cuartos e, por último, 100€ para os quintos.
En categoría infantil, o primeiro premio individual é 120€, 105€ para o segundo e 70 o terceiro. En parellas, os gañadores recibirán 160€, os segundos clasificados 120€, os terceiros, 75€, e os cuartos, 50€. Con respecto aos grupos, o primeiro premio son 250€, o segundo 205€ e o terceiro 160€.
Ademais, haberá premios especiais choqueiro e animación que son compatibles co resto de premios e que repartirán nos dous casos 200€ para o primeiro clasificado, 155€ para o segundo e 110€ para o terceiro. No caso do choqueiro, haberá tamén un cuarto premio de 80€.
O xurado do concurso estará composto por membros que forman parte da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, que valorarán aspectos como o vestiario, a orixinalidade, coreografías, harmonía, simpatía, actitude, ritmo, animación, estética, posta en escena, maquillaxe, presenza de elementos complementarios como carrozas ou plataformas móbiles, etc.