O municipio estará presente na Feira Internacional de Turismo por terceiro ano consecutivo, cun espazo promocional permanente, a presentación “Combarro – Poio: Pobo Máxico” e unha intensa axenda de encontros profesionais os días 21 e 22 de xaneiro. O mércores 21 ás 16:20 celebrarase unha presentación centrada en Combarro no stand da rede “Pueblos Mágicos de España”, coa intervención do alcalde, Ángel Moldes e a proxección dun vídeo promocional.
Poio reforzará a súa presenza e proxección internacional na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a próxima semana e na que participará con entidade propia por terceiro ano consecutivo.
En Fitur 2026, Poio será protagonista dunha presentación no stand da rede “Pueblos Mágicos de España”, da que forma parte Combarro, na que intervirá o alcalde, Ángel Moldes, e que incluirá a proxección dun vídeo promocional. O Concello volverá contar tamén cun espazo promocional permanente ubicado nun lugar estratéxico do recinto feiral, á entrada do Pavillón 7, xunto ao stand de Galicia, que amosará catro dos eixos da oferta turística do municipio.
Ademais, Poio contará cunha representación institucional encabezada polo propio Moldes, acompañado pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que manterán unha intensa axenda de encontros os días mércores 21 e xoves 22, con entidades, empresas e profesionais do sector turístico de ámbito nacional e internacional. O obxectivo é abrir novas vías de colaboración, mellorar o coñecemento do destino nos mercados internacionais, particularmente nas variantes xacobeas, e seguir avanzando na captación de visitantes fóra da tempada alta.
“A Feira de Turismo máis importante é unha oportunidade clave para explicar de primeira man todo o que Poio pode ofrecer, establecer contactos estratéxicos e seguir traballando por un turismo sostible, diversificado e desestacionalizado”, sinala Cochón.
Como novidade, Poio celebrará esta edición unha presentación oficial baixo o título: “Combarro – Poio: Pobo Máxico”, que terá lugar o mércores 21 ás 16:20 horas, no stand da rede Pueblos Mágicos de España (Pavillón 7, stand 7C26). Durante o acto proxectarase un vídeo promocional e intervirá o alcalde de Poio, Ángel Moldes, para poñer en valor o conxunto histórico de Combarro como un dos grandes referentes patrimoniais e turísticos de Galicia, así como a súa integración nun municipio cunha amplísima oferta turística de calidade co lema Poio Único.
Con respecto ao espazo promocional, renovado para a edición de 2026, permite mostrar de maneira visual e directa algunhas das principais fortalezas de Poio como destino turístico de calidade para visitar durante todo o ano. Así, presenta un percorrido visual pola natureza de Poio, representada polo Bosque de Colón; o patrimonio, co Conxunto Histórico-Artístico de Combarro como gran referente; o mar, poñendo en valor a paisaxe litoral con Tambo ao fondo, no corazón das Rías Baixas; e, finalmente, a gastronomía, representada pola imaxe das mariscadoras traballando a pé de ría, símbolo da calidade do produto local. Esta imaxe compleméntase co material informativo específico que se distribuirá durante a feira.
Cochón destaca que Poio “aínda ten moito recorrido para seguir avanzando nun turismo desestacionalizado, diversificado, sostible e de calidade… e esta Feira é un dos mellores lugares onde traballar por ese obxectivo”, con accións promocionais que se prevé cheguen a 250.000 visitantes nesta edición, entre participantes e público xeral.
“Temos un sector que crece en diversidade e calidade, e moitísimo que ofrecer ao mundo que se asoma a Fitur. Cada vez máis xente ten claro onde está Poio no mapa e o inclúe na súa lista de destinos obrigados”, conclúe a concelleira.