O Concello devolve ás familias preto de 250.000 euros anuais grazas á rebaixa do IBI que se aplicará nos recibos desde 2026

06/12/2025

O orzamento municipal para o próximo ano xa incorporará esta redución de ingresos en beneficio dos fogares do municipio. Ángel Moldes asegura que están cumprindo co programa de Goberno e coa veciñanza de Poio: “Esta redución no recibo era necesaria e xusta. Nun momento no que a maioría dos concellos están optando por subir impostos, Poio convértese nunha excepción”.

As familias de Poio aforrarán arredor de 250.000 euros ao ano coa rebaixa do tipo impositivo do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que pasa do 0,47 ao 0,43 e que se aplicará xa nos próximos recibos. Esta medida, aprobada de maneira definitiva ao longo deste ano, queda incorporada ao orzamento municipal de 2026, que asumirá esta importante redución de ingresos para favorecer directamente á economía dos fogares de Poio.

O alcalde, Ángel Moldes, subliña que esta decisión responde a un compromiso claro coas veciñas e veciños e a unha estratexia de contención fiscal que pretende aliviar a carga económica sen comprometer nin a calidade nin a continuidade dos servizos municipais.
“Estamos cumprindo co noso programa de Goberno e coa veciñanza de Poio. Esta redución no recibo era necesaria e xusta, reducimos un dos impostos que afectan de xeito máis directo e amplo a toda a veciñanza e axudando ás familias a que dispoñan de máis recursos”. Así, recorda que “nun momento no que a maioría dos concellos están optando por subir impostos, Poio convértese nunha excepción en toda España rebaixando o IBI. É unha decisión meditada, planificada e, sobre todo, xusta para a nosa xente”, afirma.

Moldes destaca ademais que esta rebaixa procura contribuír a mellorar a economía doméstica das familias, especialmente nun contexto marcado polo incremento xeneralizado do custo de vida. “O noso compromiso para reducir a presión fiscal das familias de Poio é evidente. Somos o primeiro Goberno local en décadas que aproba sucesivas baixadas de impostos. A primeira chegou en 2023, coa redución do imposto de circulación e da taxa de vados, e agora damos un paso máis cun dos recibos que máis afectan ao día a día das familias”, lembra o rexedor. Ademais, anuncia que o resto de impostos e taxas manteranse conxelados o próximo ano.

O Concello lembra tamén que, durante os primeiros meses do ano, as familias numerosas poderán solicitar a bonificación correspondente do IBI, unha axuda que este ano experimentou un incremento notable e que permitirá reducir o importe dos recibos entre un 40% e un 90%. Deste xeito, estes fogares beneficiaranse por partida dobre: pola baixada xeral do tipo impositivo e pola ampliación das bonificacións específicas para este colectivo.

A solicitude poderá presentarse tanto no rexistro municipal como a través da sede electrónica, e deberá incluír o título de familia numerosa vixente, o certificado ou volante de empadroamento e a declaración do IRPF das persoas integrantes da unidade familiar, ou ben unha autorización para que a Administración tributaria municipal obteña estes datos directamente da Axencia Tributaria.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio