O goberno local celebra o éxito desta ferramenta, que permite consultar de forma gratuíta, en segundos e desde distintos dispositivos a situación urbanística de calquera parcela.
O Visor Urbanístico de Poio vén de cumprir o seu primeiro ano de funcionamento superando as 7.620 consultas rexistradas, que o afianzan como unha ferramenta de gran utilidade para a cidadanía. Uns datos que “superan con creces as expectativas cando se creou” e que confirman unha elevada demanda por parte de veciños, profesionais do urbanismo, promotores e empresas interesadas no solo do municipio.
O visor, accesible en concellopoio.gal/urbanismo, permite consultar en cuestión de segundos a información urbanística completa de calquera parcela, coa clasificación do solo, as ordenanzas do PXOM correspondentes, as afeccións e outros datos cartográficos. É accesible desde todos os dispositivos electrónicos -móbil, tableta, computadora- e permite a opción de búsqueda por dirección, referencia ou xeolocalización directamente desde o propio terreo. Todo isto, de forma libre, gratuíta e sen necesidade de trámites nin esperas.
A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, lembra que desde a súa posta en funcionamento, a finais de 2024 “calquera veciño ou veciña pode, desde a súa casa ou oficina ou a pé de terreo, desde o seu propio dispositivo, coñecer a superficie da parcela, o que pode facer nese solo e decidir se construír ou adquirir unha vivenda. E o mesmo ocorre cun emprendedor que queira saber se unha parcela é axeitada para abrir un negocio ou desenvolver unha actividade”.
A concelleira salienta as máis de 7.500 consultas como “un dato espectacular”, que supera con creces as nosas expectativas e confirma que “ser transparentes, dar recursos para a cidadanía e achegar o urbanismo a todos funciona”. Así, “veciños e profesionais están a utilizar esta ferramenta para tomar decisións, planificar iniciativas e, en definitiva, para impulsar o seu proxecto de vida; e ao facelo, impulsan tamén Poio”.
Tamén subliña que o visor forma parte dunha filosofía máis ampla: “Puxemos esta ferramenta en marcha como unha maneira máis de achegar o urbanismo á cidadanía e aos profesionais, axilizando trámites, baixando impostos, solucionando problemas e coas portas do Departamento e do Concello abertas a todos e todas”.
Cochón sinala que esta filosofía “fai de Poio cada vez un concello máis atractivo para vivir, traballar e investir” e pon como exemplo a reactivación de proxectos paralizados durante anos, a construción de novas vivendas —con máis de 200 só na parroquia de San Salvador—, ou o establecemento de novas iniciativas empresariais. Ademais, destaca os avances no desenvolvemento do Polígono de Fragamoreira, e un interese crecente de familias e empresas de instalarse no concello.
A concelleira lembra que estes avances estanse realizando “entre todos, e axudados por un urbanismo responsable, coas portas abertas e con ferramentas útiles nas mans da cidadanía”.
Finalmente, chama á veciñanza “que teña un proxecto, unha idea de negocio, ou simplemente o desexo de coñecer máis da situación urbanística e as posibilidades do solo” a consultar o Visor Urbanístico desde calquera dispositivo en concellopoio.gal/urbanismo, e indica que tanto este portal como as propias portas do Concello de Poio “están abertas para todos os vosos proxectos de vida, familiares ou empresariais. A mellor maneira de que Poio siga crecendo e avanzando é facelo xuntos”.