Poio ten en marcha preto de 58 millóns de euros en investimentos en todas as parroquias

15/11/2025

Ángel Moldes salienta que esta cifra “amosa o dinamismo, o crecemento e o atractivo dun municipio que está a experimentar o seu mellor momento” e destaca a capacidade de xestión, negociación e planificación do Goberno local para atraer importantes investimentos doutras administracións.

O Concello de Poio ten actualmente en marcha actuacións cun valor que ascende a preto de 58 millóns de euros, distribuídas por todas as parroquias do municipio. O alcalde, Ángel Moldes, salienta que esta cifra “amosa o dinamismo, o crecemento e o atractivo dun municipio que está a experimentar o seu mellor momento”, e destaca a capacidade de xestión, negociación e planificación do Goberno local para atraer importantes investimentos doutras administracións, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Grazas a esta colaboración institucional estanse impulsando proxectos clave destinados a modernizar infraestruturas, reforzar servizos e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Entre as actuacións máis relevantes atópase a transformación da PO-308 entre A Barca e Casal de Ferreirós, en execución desde finais de setembro mediante un convenio coa Xunta que supón un investimento de 1,6 millóns de euros. Tamén avanza a mellora do pavimento e a creación dun carril bici e dunha senda peonil entre Chancelas e Combarro, cun orzamento de 500.000 euros igualmente financiado coa colaboración da administración autonómica. No ámbito da mobilidade, o Concello impulsa con fondos provinciais a recuperación da contorna e a mellora do tránsito peonil entre Casalvito e O Padrón, con 668.000 euros, así como a substitución do firme e a renovación da recollida de pluviais en Ucha de Arriba, cun investimento de 60.000 euros, ademais do recente pavimentado do ramal do Camiño de Fonteiriña.

Xunto ás obras en marcha, existen proxectos xa aprobados e con financiamento garantido, como a mellora da EP-0601 entre A Seara e Campelo, cun investimento inicial de 1,8 millóns de euros, ou a creación dunha senda na PO-303, para a que a Xunta de Galicia consignou 1,6 millóns de euros. “O noso obxectivo é seguir transformando Poio de maneira equilibrada, con actuacións que chegan a todas as parroquias e melloran o día a día dos veciños”, subliña o alcalde.

Moldes tamén destaca outros investimentos estratéxicos que permitirán avances significativos en sectores clave. Entre eles figura o novo contrato da auga, que garante 15,4 millóns de euros destinados á mellora das redes de saneamento e abastecemento; o impulso ao Polígono Industrial de Fragamoreira, valorado en 30 millóns pola Xunta; ou o investimento de 4 millóns coa Consellería de Medio Ambiente para optimizar o funcionamento da rede de saneamento municipal e construír un tanque de tormentas na Seca. En colaboración coa Xunta, consígnanse ademais 1,4 millóns de euros para mellorar as condicións de traballo dos mariñeiros do porto de Combarro, mentres xa se iniciaron os traballos arqueolóxicos na Illa de Tambo cun orzamento de 30.000 euros.

No ámbito dos espazos públicos e do lecer, estanse a executar proxectos como o novo parque infantil temático de Cristóbal Colón no Parque de Ánkar, cun investimento de 143.000 euros, ou a pista multideportiva de Vilariño, cun orzamento de 128.000 euros. Ademais, están reservados 245.000 euros para a mellora do Parque Costa Xiráldez en Lourido e para a creación de novos baños públicos en Cabeceira, e destínanse 200.000 euros do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación para desenvolver unha pista de atletismo na Seca. Tamén se avanza na rehabilitación da Casa Combarro, cun investimento de 240.000 euros procedentes de fondos provinciais.

“O conxunto destes investimentos representa realidades visibles e medibles, proxectos sólidos que permitirán mellorar de maneira notable a calidade de vida das familias do noso concello”, conclúe Moldes. “Estamos a construír un Poio vivo, moderno e con futuro; un lugar cómodo para nacer, medrar e establecerse, dinámico e con servizos de calidade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio