O novo contrato da auga, clave para o desenvolvemento do futuro Polígono de Fragamoreira

18/10/2025

Dentro dos 15M€ en investimentos que inclúe para ampliar as redes de saneamento e abastecemento en todo o municipio, contempla tamén a dotación dun novo depósito ETAP e conexión no Sartal para abastecer ao polígono. “O novo contrato da auga mellorará os servizos á veciñanza e supón unha oportunidade histórica de investimento en Poio”, destaca o alcalde, Ángel Moldes.

O Concello de Poio continúa avanzando nos trámites para poñer en marcha o novo contrato da auga, unha iniciativa que será decisiva para impulsar o desenvolvemento do futuro Parque Empresarial de Fragamoreira.

Nas próximas semanas, o Goberno local prevé aprobar o prego de condicións para licitar a adxudicación deste contrato, que ademais de mellorar a xestión e a calidade do servizo á cidadanía, suporá un investimento total de 15,4 millóns de euros en obras de ampliación e mellora das redes de saneamento e abastecemento en diferentes puntos do municipio.

Entre as actuacións previstas, destacan as que se executarán de xeito prioritario en Fragamoreira, Vilariño e A Caeira, así como a construción dun novo depósito ETAP e a súa conexión no Sartal, unha infraestrutura esencial para garantir o abastecemento da futura área industrial.

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, estes avances son fundamentais para desbloquear o proxecto de Fragamoreira, paralizado durante anos por falta de servizos básicos. “O novo contrato da auga permite dar resposta a cuestións que levaban décadas sen solución, como a necesidade de garantir rede de saneamento e capacidade de subministro para todo o polígono”, sinala Moldes. “Sen estes investimentos sería imposible avanzar. Non se trata só de vontade política, senón de dotar o parque das infraestruturas necesarias para facelo viable”, engade.

Todas estas actuacións son de obrigado cumprimento no novo contrato. Segundo o cronograma que se inclúe, os investimentos realizaranse ao longo dos catro anos iniciais do contrato. Así, no primeiro ano investirase 4,6M€ para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons. No segundo ano, o investimento superará o 3,4M€, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.

No ano tres, destinaranse 2,3M€ para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia. Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3M€, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.

Con este contrato, o Concello de Poio dá un paso decisivo cara a un modelo de xestión máis eficiente e sostible da auga, ao tempo que crea as condicións necesarias para o crecemento económico e industrial do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio