As Xornadas Gastronómicas da Ameixa volven a Poio para ofrecer a xoia da ría en todas as súas preparacións

29/09/2025

Continúan o éxito da 37ª Festa da Ameixa, que encheu Campelo de visitantes e esgotou todas as racións dispoñibles. Ángel Moldes subliña que “Poio ten dous piares fundamentais: o mar e o turismo. Apostamos decididamente por unir forzas entre administracións, sector hostaleiro e profesionais do mar para promocionar un produto tan noso como a ameixa».

O Concello de Poio presentou este luns unha nova edición das Xornadas Gastronómicas da Ameixa, que se desenvolverán todas as fins de semana de outubro en doce establecementos do municipio, ofrecendo ao público excelentes propostas culinarias a prezos accesibles.

A iniciativa, recuperada en 2024 e que gozou de moi boa acollida despois de dúas décadas sen celebrarse, volve coa vontade de seguir poñendo en valor un dos produtos estrela da ría, dinamizar a hostalería fóra de tempada e consolidar a posición de Poio como referente culinario das Rías Baixas.

Durante a presentación, o alcalde Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Turismo Rocío Cochón e representantes dos establecementos participantes, puxo en valor a importancia estratéxica deste tipo de iniciativas. «Desde o Goberno local temos claro que Poio ten dous piares fundamentais: o mar e o turismo. Apostamos decididamente por unir forzas entre administracións, sector hostaleiro e profesionais do mar para promocionar un produto tan noso como a ameixa. Estamos empeñados en converter esta festa e estas xornadas no mellor escaparate para a Ameixa de Campelo e para as nosas mariscadoras e mariscadores», sinalou.

Durante estas xornadas, veciños e visitantes poderán degustar a ameixa en moi diversas preparacións, desde as clásicas ameixas á mariñeira, e pratos tradicionais como con langostinos, en arroz ou fideuá, ata receitas máis innovadoras como en salsa beurre branca ou con cítricos e tabasco verde.

Moldes destacou tamén a importancia de fomentar a desestacionalización e ofrecer actividades que poñan en valor os recursos locais máis alá do verán: «Queremos que Poio sexa un lugar onde sempre apetece estar. Temos riqueza natural, cultural e gastronómica para seguir ofrecendo motivos aos visitantes durante os doce meses do ano, e estas xornadas son unha mostra dese traballo conxunto», explicou o rexedor.

O alcalde fixo fincapé no feito de que a gastronomía de calidade, baseada en produto local, é un elemento diferencial da oferta turística do municipio. «As Xornadas Gastronómicas da Ameixa non son só unha cita culinaria, senón tamén unha maneira de reivindicar a nosa identidade mariñeira, poñer en valor a calidade da hostalaría de Poio e de recoñecer o traballo das mariscadoras e mariscadores que fan posible que a nosa ameixa sexa recoñecida como un produto de excelencia», engadiu.

VALORACIÓN DA FESTA DA AMEIXA

Estas xornadas servirán para prolongar o bo sabor de boca que deixa a 37ª Festa da Ameixa de Campelo, unindo dous piares da identidade de Poio: o marisqueo e a gastronomía. Unha festa que durante toda a fin de semana contou con numeroso público, de dentro e fóra de Galicia, e que onte domingo esgotaban todas as racións nas tres receitas dispoñibles: á mariñeira, con arroz e con fideos.

En termos globais, a Festa da Ameixa incrementou nun 20% os produtos consumidos durante toda a fin de semana, incluíndo ameixas, bebidas, postre e pan. Con respecto ás racións de ameixas, desde o venres repartíronse máis de 1.500 pratos, sendo as preferidas dos visitantes as ameixas á mariñeira. Por días, o domingo foi o que máis racións se despacharon, con colas continuas durante toda a xornada tanto para mercar os tíckets como para recoller as racións. Con todo, tamén foi destacable o bo ritmo de vendas do venres e o sábado a mediodía, conseguindo tamén cifras moi destacables.

Ata a Praza da Granxa achegáronse visitantes de toda Galicia, pero tamén de Asturias, Madrid, Cataluña, Illas Canarias, Castela León, Extremadura, A Rioxa, Illas Canarias, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valenciana, Aragón, Andalucía, Baleares, ou Castela A Mancha.

«A Festa da Ameixa converteuse nun referente gastronómico a nivel nacional. Este ano tivemos unha resposta impresionante por parte do público, e iso é froito do esforzo colectivo das confrarías, mariscadoras, empresas do sector mar-industria e colectivos veciñais. É unha festa cada vez máis participativa, e iso énchenos de orgullo», valorou Ángel Moldes.

O alcalde salientou tamén a variedade e calidade da programación lúdica e cultural da festa, pensada para todos os públicos: «Desde os máis pequenos ata os máis maiores, todos atoparon propostas adaptadas aos seus gustos. A Festa da Ameixa é xa un evento familiar e interxeracional, un punto de encontro para a veciñanza e para quen nos visita», concluíu.

XORNADAS TÉCNICAS ESTE XOVES CO SECTOR

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Rocío Cochón destacou tamén a aposta pola gastronomía como motor económico, que van permitir seguir avanzando nun turismo desestacionalizado e de calidade en torno a “piares da nosa identidade dos que nos sentimos moi orgullosos: a tradición mariñeira e mariscadora, o mellor produto da nosa ría e a excelencia dos cociñeiros e profesionais da hostalaría de Poio”.

Recordaron, ademais, que este xoves, 2 de outubro, na Casa Rosada terán lugar as Xornadas Técnicas da Ameixa, un encontro que reunirá a administracións, expertos e profesionais ao redor do marisqueo da Ría de Pontevedra. As xornadas incluirán relatorios, mesas redondas con axentes do sector e un obradoiro de showcooking, e contan coa colaboración da Consellería do Mar a través do GALP. Iniciativas, unidas a outras como a dotación de informadores turísticos na Festa da Ameixa que demostran “un compromiso claro con amosar a veciños e visitantes orgullo polo noso”.

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES XORNADAS GASTRONÓMICAS DA AMEIXA 2025:

Casa Angelita e Casa Ces (San Salvador).

Casa Laura, Remo e Pinela Terraza (San Xoán)

La Nueva Parada, Evoca, La Espuela, Arroyo Mar y Tierra, Entrepedras, O Peirao e Pedramar (Combarro)

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio