Ata o domingo inclúen unha programación para todos os públicos que mestura tradición, música e actos litúrxicos. O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, acompañou á ACD andaina de Samieira na presentación da programación.
Samieira celebra esta fin de semana a festividade da Virxe do Carme e das Dores, organizada pola ACD andaina de Samieira, coa colaboración do Concello de Poio e das Comunidade de Montes de Arén e de Tarrío. Celebrarase do 12 ao 14 de setembro no aparcadoiro da Igrexa de Samieira.
O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, acompañou á organización na presentación da programación, que arranca mañá venres, día 12, coa Festa da Xuventude. Tras o pasarrúas da agrupación folclórica Vides Novas, a música correrá a cargo do grupo América de Vigo e coa disco móbil CDC (A partir das 22.00 horas).
Xa o sábado, ás 12.00 horas celebrarase unha misa cantada, seguida de procesión acompañada coa Banda de Gaitas e Tambores. Pola tarde, desde as 20.30 horas, a batucada Os Queimatasas encargarase de animar e contaxiar de ambiente festivo polas rúas. O grupo Cardio Latino e o dúo Imagine porán a música a partir das 21.30 horas na praza Alfredo Romay.
O domingo, último día das festas, o día comezará coas alboradas da Escola de Música Tradicional de Poio e do grupo folk Os de Ningures. A misa cantada na honra da Virxe das Dores será ás 12.00 horas, cantada pola Coral de Poio, e a continuación sairá a procesión. Pola tarde organizarase unha andaina pola Senda do Laño, un dos catro sendeiros azuis que ten o Concello de Poio.