O alcalde, Ángel Moldes, visitou esta mañá as tres ludotecas que facilitan a conciliación das familias ata o venres 5 de setembro. Destaca que Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar é máis accesible, tanto polo amplo horario como polo baixo custe do servizo.
A recta final do verán chega tamén aos Espazos Concilia do Concello de Poio, onde as nenas e nenos participantes apuran os últimos días dunha ampla programación de actividades. As ludotecas de Viñas, Espedregada e Isidora Riestra foron, un ano máis, unha das principais ferramentas municipais para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares.
O alcalde, Ángel Moldes, acompañado das concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitou esta mañá os tres espazos, que ofreceron máis de 1.000 prazas ao longo do verán. O servizo continuará no CEIP de Viñas ata o venres 5 de setembro, mentres que nas instalacións de Isidora Riestra e Espedregada finalizará este venres, 29 de agosto.
Durante este tempo, a rapazada participou en excursións tanto pola contorna de Poio como a outros concellos limítrofes, gozou doutras actividades como manualidades e xogos deportivos e de auga, recibiron a visita de colectivos e clubs locais e organizaron festivais de baile para as familias, entre outras..
O alcalde, Ángel Moldes, salientou que “o noso obxectivo era ofrecer aos nenos e nenas un verán divertido, con moitas actividades, para disfrutar ao máximo do xogo e, ademais, socializar con outros menores”. Ademais, asegurou que as necesidades das familias “están no centro da nosa acción de goberno. Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar resulta máis accesible, tanto polo horario como polo custe do servizo. E iso foi posible grazas á colaboración da Xunta”, engadiu.
O programa concilia funcionou durante todo o verán cun horario amplo e flexible, entre as 7.30 e as 15.00 horas, o que permite unha compatibilidade real cos horarios laborais das nais e pais. Contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do Plan Corresponsables, o que permitiu reducir de forma significativa o custo do servizo para as familias, establecendo un prezo de só 17 euros por quincena.