Por segundo ano consecutivo, faise un recoñecemento a persoas ou entidades vencelladas ao mundo da cultura. A programación complétase o sábado 26 coa actuación do histórico grupo Cantigas e Agarimos, na Praza da Chousa, en Combarro.
O Concello de Poio conmemorará o Día de Galicia este venres, 25 de xullo, cun acto institucional que terá lugar en Arís (San Xoán) e no que, por segundo ano consecutivo, se renderá homenaxe a persoas e entidades vencelladas á cultura galega.
Este ano, coincidindo coa escolla da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas, esta homenaxe realizarase aos grupos de cantareiras locais: as pandereteiras de Vides Novas e do Ronsel. Un recoñecemento que, como explica o alcalde, Ángel Moldes, busca poñer en valor a labor das mulleres que foron as gardiás da nosa lingua e cultura populares, transmitidas xeración tras xeración a través de cantigas e bailes.
“Poio conta cun tecido asociativo cultural moi importante, e por iso desde o Goberno consideramos que é de xustiza recoñecer ese traballo en prol da tradición e identidade galegas, e de toda a actividade que desenvolven e que enchen de vida cada recuncho do noso municipio”, sinala.
Un ano máis, o Goberno local aposta por dar protagonismo ás zonas máis rurais do municipio e traslada este acto institucional á Praza de Arís. O acto comezará ás 12.00 horas, e incluirá as actuacións musicais das pandereteiras homenaxeadas, así como o reparto de bandeiras e agasallo conmemorativo ás dez entidades novas inscritas no rexistro de asociacións municipal no último ano, entre as que se inclúen AC Virxe de Fátima, Club Reserpon-Suinpo, Club Sporting Campelo, Asociación Benéfica Veciños Divino Salvador de Poio, Ceiterio Veciñal de Combarro, ANPA Vita Alegre do CEIP Espedregada, Asociación Empresarial EnPoio, Club Deportivo grupo 7 a 9, AVCR Vilariño e Asociación Comisión de Festexos de Combarro. A maiores, tamén se fará entrega da bandeira galega ás persoas que o soliciten previamente no teléfono 986 770 001 ou no whatsapp 698 138 166.
CANTIGAS E AGARIMOS PECHA A PROGRAMACIÓN EN COMBARRO
A programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o Día de Galicia estenderase ata o sábado, día 26, no que se inclúe a actuación do grupo de música e baile tradicional Cantigas e Agarimos. Será na Praza da Chousa, en Combarro, ás 21.30 horas, dentro do ciclo DANZA3 da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Esta agrupación folclórica, fundada en Santiago de Compostela en 1921, é unha das máis antigas de Galicia. Sempre estivo dedicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia. Na actualidade, está composta por máis de 80 membros, distribuídos nas seccións de coro, baile, pandeireta e instrumental. Coa súa actuación, Cantigas e Agarimos busca achegar ao público toda a bagaxe das tradicións que configuran o sentir do pobo galego, articulando un espectáculo de calidade no que tenta trasladar no tempo ao espectador, levándoo nunha viaxe imaxinaria polas nosas raizames.