Un paso máis para dotar a Poio dun contrato novo de saneamento e abastecemento de auga

16/02/2024

  • Esta semana aprobarase a contratación da redacción do estudo de viabilidade, dunha ordenanza reguladora das tarifas e a actualización do Regulamento do Servizo de Abastecemento e Alcantarillado.

O Goberno dá un paso máis para dotar a Poio dun contrato novo de saneamento e abastecemento de auga que permita prestar un mellor servizo á veciñanza, garantir a calidade da auga e, ademais, facer investimentos cos que ampliar ou renovar a rede destes servizos básicos.

Así, na Xunta de Goberno desta semana incluirase a contratación da redacción do estudo de viabilidade, dunha ordenanza reguladora das tarifas e a actualización dos Regulamentos do Servizo de Abastecemento e Alcantarillado. Tres documentos que, indica o alcalde Ángel Moldes, son imprescindibles para seguir avanzando e licitar un novo contrato de concesión co que solucionar a situación actual, cunha empresa que hai anos que extinguiu o contrato e, desde entón, está traballando en precario.

Nesta liña, insiste en que “o Goberno está traballando de xeito comprometido para resolver este problema canto antes, conscientes de que para prestar un mellor servizo á cidadanía é importante contar cun bo prego de condicións e un bo contrato”. O prazo de execución destes traballos será de oito semanas, unha vez recibida toda a documentación solicitada ao concello e sen contar cos prazos de exposición pública legalmente establecidos.

É un proceso para o que, recorda Moldes, o Concello de Poio comezou desde cero xa que os estudos feitos no mandato anterior contiñan erros importantes, tanto na estrutura de custes, como na fórmula de revisión de prezos ou no estudo de viabilidade, todos eles asentados sobre unha base ilegal que incumpría a lei de contratos do ano 2018. De feito, o propio secretario municipal avalou no seu informe esta decisión tendo en conta as múltiples advertencias realizadas desde a intervención municipal para aprobar a proposta anterior, e que eran “de importancia suficiente para paralizar o proceso”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio