66.000€ para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais en Costa de Arriba, Combarro

01/04/2024

O Goberno prioriza este ano no plan provincial “actuacións que, aínda que parezan pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo, aos residentes deses lugares”.

28, marzo, 24.- O Concello de Poio destinará 65.616,97 euros do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra para reparar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro. O alcalde, Ángel Moldes, explica que queren aproveitar a mellora do asfalto para ampliar e mellorar tamén os servizos básicos para a veciñanza dunha zona que conta na actualidade, exclusivamente, con saneamento municipal.

Moldes sinala que actuar nesta vía municipal é algo prioritario, e recorda que estas obras se levan reclamando desde hai xa moitos anos. Así, afirma que o deterioro era demasiado importante para resolverse con parches, como se estivo facendo todo este tempo, e que neste caso demostrouse que eran solucións a moi curto prazo que, co tempo, volven xerar os mesmos problemas de deterioro no asfalto, con socavóns importantes e, polo tanto, supoñen un perigo para a circulación.

O proxecto contempla a apertura de gabias no pavimento existente, así como a demolición do firme actual, e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse. Tamén se dotará dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais e rede de abastecemento. No que se refire á rehabilitación do asfalto, preténdese realizar unha renovación do firme mediante mestura bituminosa en quente, que mellore e integre toda a zona.

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o Goberno aposta este ano por priorizar no plan provincial investimentos que permitan solucionar problemas e necesidades que se acumulan en todo o municipio desde hai anos, actuacións que, aínda que parezan pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo, aos residentes deses lugares.

Ademais deste proxecto, recordan que a través do plan +Provincia tamén se incluíron 37.501,20 euros para instalar o alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña, en San Salvador, e nesta mesma parroquia, destinaranse 68.949,88 euros para mellorar o firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio