64.100 euros para colaborar cos eventos lúdicos organizados por colectivos locais

24/03/2025

Fran Dasilva sostén que “Poio conta cun tecido asociativo moi activo, dinámico e amplo, con propostas que enchen de vida cada un dos lugares do noso concello ao longo de todo o ano e que, con estas axudas, reciben o apoio decidido do Concello de Poio para garantir a súa continuidade”.

O Concello de Poio repartirá 64.100 euros en subvencións a entidades sen ánimo de lucro locais para apoiar a organización de actividades e eventos lúdicos, entre os que se poden incluír festas patronais, parroquiais, gastronómicas, festivais, magostos ou calquera outro tipo de eventos.

O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, explica que o reparto destas axudas farase por concorrencia competitiva, asegurando así unha concesión e xestión dos fondos transparente, obxectiva e equitativa. As bases establecen dúas liñas de axudas, unha para actividades lúdicas e outra destinada especificamente para magostos que, polo seu arraigo, se levan a cabo nas diferentes parroquias: Raxó, Samieira, Chancelas, Combarro, A Seca, Vilariño, O Sartal, San Salvador, Lourido e Campelo. “Poio conta cun tecido asociativo moi activo, dinámico e amplo, con propostas que enchen de vida cada un dos lugares do noso concello ao longo de todo o ano e que, con estas axudas, reciben o apoio decidido do Concello de Poio para garantir a súa continuidade”, sinala o edil.

O obxectivo destas subvencións céntranse en impulsar a creación e difusión da oferta cultural, conseguir unha cidadanía participativa e transformadora do seu entorno, fortalecer o tecido asociativo, fomentar valores sociais na cidadanía, dar resposta ás demandas sociais en relación á creación de eventos e espazos de convivencia, así como poñer en valor o patrimonio inmaterial propio do municipio. Para a liña 1, destinaranse un total de 58.100 euros para financiar ata un máximo do 60% do custo da actividade subvencionable. No caso da liña 2, destinada para os magostos, inclúe 6.000 euros, outorgándose unha axuda máxima de 600 euros por cada magosto. Unha vez aprobadas as bases na Xunta de Goberno local, nos próximos días publicaranse no BOP e será nese momento cando os colectivos e entidades poidan presentar as súas solicitudes por sede electrónica, nun prazo de 15 días hábiles.

A estas liñas de subvencións pode optar calquera entidade inscrita no rexistro municipal de asociacións do Concello de Poio ou comisión de festas que organice algunha actividade ao longo do ano. Á hora de valorar as propostas, a comisión de valoración terá en conta aspectos e criterios como a programación da actividade, as festas de carácter parroquial que constitúen un valor especial do patrimonio inmaterial ou o orzamento total subvencionable. Como novidade, e atendendo ás propostas dos propios colectivos, nesta ocasión inclúense tamén como criterios de avaliación a antigüidade do evento e o arraigamento que supón para a poboación, así como os días de duración.

Xunto coa solicitude, para a Liña 1 deberán achegar memoria, orzamento, declaración xurada sobre outras subvencións e axudas recibidas así como o compromiso de execución asumidos no caso de que a entidade solicitante sexa unha comisión de festas. Estes dous últimos documentos tamén deberán acompañar a solicitude da Liña 2, de magostos populares.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio