45 prazas de formación gratuíta para guías turísticos sobre Combarro e a Illa de Tambo

04/10/2024

A formación desenvolverase do 14 de outubro ao 20 de novembro, en tres cursos presenciais de 30 horas a cargo de persoal especializado, e ofrecerá contidos teóricos e prácticos sobre o patrimonio, a historia, a natureza e os valores turísticos dos dous enclaves. As persoas interesadas deberán inscribirse en turismo@concellopoio.org.

O Concello de Poio ofrece 45 prazas de formación especializada e gratuíta sobre Combarro e a Illa de Tambo, dirixida a “guías turísticos ou persoal con relación profesional en ambos os lugares”. A formación desenvolverase do 14 de outubro ao 20 de novembro, dividida en tres cursos presenciais de 30 horas con grupos de 15 alumnos.

A primeira quenda de alumnos será do 14 ao 23 de outubro; a segunda, do 28 de outubro ao 7 de novembro; e a terceira entre o 11 e o 20 de novembro. Cada acción formativa ofrecerá sesións teóricas e prácticas, profundizando no patrimonio, a historia, a natureza e os valores turísticos dos dous lugares, e incluirán clases presenciais, impartidas no Casal de Ferreirós, así como dúas visitas didácticas a Tambo e outras dúas á vila combarresa.

A formación inclúese no proxecto Turismo Patrimonial en Combarro e Tambo, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra, mediante unha subvención de 12.471 euros co obxecto de diversificar a economía das zonas costeiras. A formación complementarase coa edición de 1.000 exemplares de trípticos sobre Combarro e a Illa de Tambo.

Desde o Concello de Poio animan a participar a todos os profesionais, xa que, poderán “profundizar no coñecemento sobre o patrimonio de dous tesouros naturais, culturais e turísticos”, estreitamente relacionados entre si, cun programa dinámico, práctico e participativo impartido por persoal especializado.

“Combarro é o balcón de pedra desde o que, desde hai moitos séculos, Galicia mira ao mar, e representa por dereito propio un dos puntos neurálxicos do turismo galego”, explicou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón: “A Illa de Tambo estase consolidando tamén como unha referencia cultural, natural e de turismo sustentable”.

A formación explorará a enorme riqueza patrimonial que suman, así como a estreita relación entre ambas. Por este motivo, as persoas que finalicen estes cursos “poderán coñecer, poñer en valor e, á súa vez, trasladar aos visitantes todo o que ofrecen Combarro e a Illa de Tambo, e axudarnos a divulgar e conservar os seus tesouros”.

As persoas interesadas deberán inscribirse no correo turismo@concellopoio.org.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio