Poio conta cunha intensa programación estival dirixida á mocidade, con actividades que abranguen desde campamentos de teatro e dixitais, ata propostas como a Semana Máxica de Samieira, o festival de música urbana Senda do Mar ou o Campus de Voluntariado Costa Azul.
Un total de 20 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos participan esta semana en Poio no minicampamento “As pegadas da historia”, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia dentro da programación de verán e que espertou un grande interese entre as familias, esgotándose todas as prazas ofertadas.
Os participantes, procedentes de diferentes lugares de Galicia, como Vigo, Nigrán, Ordes, Santiago de Compostela, Boiro ou Trives, e incluso desde Boston (EEUU), chegaron onte luns ao concello. Esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Xuventude, Tamara González, recibiron ao grupo na Casa do Concello. Durante a súa visita, Moldes agradeceu que elixisen esta proposta e Poio para gozar do seu verán: “Para nós é unha honra contar con este tipo de iniciativas que contribúen a encher de vida as nosas rúas, promocionar o noso concello e poñer en valor todo o noso patrimonio cultural, natural e histórico. Poio é un destino único e por iso estamos encantados con que descubrades e gozades con todo o que o noso concello pode ofrecervos”, sinalou.
Ao longo da semana, ata o 18 de xullo, a rapazada participará nun amplo abano de actividades que inclúen actividades náuticas (surf, kaiak, surf skate), salvamento acuático deportivo, xogos de praia e na Reiboa, orientación, xogos de coñecemento e de historia en espazos como o Mosteiro de Poio, o Museo de Colón e o Bosque de Colón. Tamén están previstas veladas nocturnas para favorecer a convivencia entre os participantes.
O alcalde aproveitou tamén para lembrar que Poio conta cunha intensa programación estival dirixida á mocidade, con actividades que abranguen desde campamentos de teatro e dixitais, ata propostas como a Semana Máxica de Samieira ou o festival Senda do Mar, un certame gratuíto que reunirá en Poio a Chimbala e grandes nomes da música urbana o vernes 25 de xullo. Ademais, destacou o éxito da segunda edición do Campus de Voluntariado Costa Azul, que se desenvolve desde o 23 de xullo ao 3 de agosto, co apoio da Xunta, e volveu cubrir todas as prazas dispoñibles, igual que na súa primeira edición.
Con iniciativas como estas, Moldes asegura que Poio consolídase como un destino activo e atractivo para a mocidade, combinando lecer, formación e posta en valor do seu rico patrimonio local.
CONTINÚAN ABERTAS AS INSCRICIÓNS PARA O CAMPAMENTO DIXITAL
O Campamento Dixital é unha das novidades deste verán, que se organizará en agosto na Aula Cemit de Poio. Impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado con Fondos Next Generation da UE, é un programa de actividades gratuítas en competencias dixitais para rapazada de 9 a 17 anos. Con contidos e actividades adaptados para cada idade, en cada aventura irán adquirindo novas competencias para utilizar a internet e as ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, seguro e responsable. Organizaranse dous campamentos, o primeiro para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de agosto, e o segundo, para mocidade de 14 a 17 anos, que se impartirá do 25 ao 29 de agosto. En ámbolos dous casos, en horario de mañá.