O Concello de Poio informa de que permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes para a contratación de persoal para que o municipio conte durante os meses de verán cunha brigada de incendios. O período permanecerá operativo ata a vindeira semana. O edil de Persoal e Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez, sinala que a documentación requirida para poder participar no proceso selectivo deberá ser presentada a través da Sede Electrónica. No caso de optar pola vía presencial no Rexistro Xeral, resultará indispensable solicitar cita previa. Ademais, na propia Sede Electrónica as persoas interesadas poderán consultar as bases e os requisitos necesarios para optar a esta convocatoria. As probas selectivas levaranse a cabo a través de concurso-oposición libre.
O Concello de Poio continúa a cubrir coa tramitación necesaria para acometer unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para delimitación do Polígono 20 de solo urbano non consolidado en Raxó. Trátase dunha actuación que, tal e como consta nos informes técnicos, pretende levarse a cabo toda vez que servirá para mellorar a calidade dos espazos e dotacións públicas da contorna, ao tempo que se mellora a accesibilidade e a conectividade das vías de titularidade municipal e a ordenación do tráfico e tránsito viario e peonil no núcleo da parroquia. Este foi un dos temas abordados na Comisión de Urbanismo deste martes, no que se constatou o informe favorable para a admisión a trámite da devandita proposta de modificación.
O alumnado e profesorado do CEIP Isidora Riestra de San Xoán viviu este martes unha gran xornada de convivencia nunha excursión realizada á Illa de Tambo. Trátase dunha actividade que forma parte do programa de visitas escolares que se realizan a este emblemático enclave da ría de Pontevedra, en cuxa organización participan as concellerías de Promoción Económica e Turismo. Os rapaces e rapaces non só tiveron ocasión de coñecer a gran riqueza patrimonial da illa, senón que tamén tomaron parte nun xogo na busca do tesouro, utilizando un mapa que atoparon uns días antes durante unha saída realizada polas inmediacións da Seca.
O Concello de Poio traballa no proceso para a contratación de seis socorristas, garantindo este servizo básico nas praias de Cabeceira, en Lourido, e en Xiorto, na parroquia de Raxó, durante o verán. Tal e como xa é habitual, a devandita tramitación ábrese a persoas que estean en situación de desemprego que estean incluídos na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, en base á oferta de emprego realizada polo Concello.
As parroquias de Raxó e Samieira, así como parte de Combarro, contan desde hai uns días con novos puntos de alumeado. Estas tarefas inclúense no proxecto acometido polo Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, para dotar ao municipio de luminaria eficiente, cunha maior optimización do servizo e unha redución de custes, grazas ao aforro enerxético que supón a utilización de ‘led’.O prazo de realización dos traballos concluirá a finais do vindeiro mes de setembro. Estímase que o aforro económico que se conseguirá grazas á dotación destas novas luminarias ascenderá a uns 70.000 euros anuais aproximadamente.