O Palacete de Besada, situado na parroquia de San Salvador, empezará a rexistrar xa actividade diaria desde este xoves 27 de abril. Será entón cando os departamentos de Servizos Sociais, Mocidade e o Centro de Información á Muller (CIM) comecen a realizar a atención ao público nestas emblemáticas dependencias, cuxa rehabilitación e reforma integral concluíu hai uns meses, grazas a un proxecto elaborado polo Concello, a través da área de Urbanismo e Promoción Económica.
Xa está todo listo para que a parroquia de San Salvador acolla este sábado, 29 de abril, unha das grandes citas do programa Primavera en Poio. Trátase do Festival Sons de Ánkar, que nesta cuarta edición experimenta unha importante transformación con respecto a anos anteriores, nunha data diferente e cun novo formato. O que si mantén é o seu espírito de apostar por grandes artistas e grupos de Galicia como atractivos. Así, nesta ocasión os concertos gratuítos correrán a cargo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que serán os encargados de iniciar o evento ás 19.40 horas, Treixadura (21.00 horas) e o gran peche correrá a cargo das Tanxugueiras (22.30 horas).
Unha vez máis, o tecido asociativo do municipio de Poio volve ser exemplo de solidariedade e implicación en favor das persoas máis desfavorecidas, grazas a unha nova iniciativa altruísta impulsada por Moura Teatro e a Batucada Os Queimatasas, en colaboración coa Comunidade de Montes de San Xoán. O vindeiro domingo 7 de maio a sede dos comuneiros, situada na contornada Seca, acollerá a primeira edición da Gala Poio Colabora, un evento que reunirá a varios artistas locais e da contorna co obxectivo de recadar a maior cantidade posible de alimentos para as familias con menos recursos da vila.
A Casa Rosada acolleu o pasado sábado, 22 de abril, a segunda edición do Torneo Súper Smash Bros, organizado pola Asociación Gaming Troop, en colaboración coa Concellería de Benestar Social e Mocidade. Ao igual que na cita do ano pasado, o evento resultou todo un éxito de participación, xa que foron máis de 70 as persoas que se achegaron ata as dependencias da Casa Rosada para presenciar a evolución da proba, na que tomaron parte preto de medio cento de mozos e mozas. Tal e como explica a edil responsable da área, a socialista Rosa Fernández, entre os competidores e competidoras figuraban rapaces e rapazas de toda Galicia, chegados desde cidades como A Coruña, Vigo ou Ferrol, así como da propia contorna da provincia de Pontevedra.
A concelleira de Sanidade, a nacionalista Marga Caldas, anuncia novas mobilizacións de protesta en Poio para esixir a adopción de medidas por parte da Xunta de Galicia para acabar coa precariedade do sistema sanitario e garantir unha prestación en Atención Primaria de calidade, “que poida dar respostas que a cidadanía demanda”. Será o vindeiro mércores 26 de abril, ás 20.00 horas, cando se leve a cabo unha concentración ás portas do Centro de Saúde de Anafáns. Precisamente, este venres a edil estivo nestas dependencias para a colocación de pancartas informativas sobre a cita, que tamén incluirá a lectura dun manifesto en favor da Inicia Lexislativa Popular que a Plataforma SOS Sanidade impulsou para ser aprobada no Parlamento de Galicia.