fbpx

A Concellería de Benestar Social, dirixida pola socialista Rosa Fernández, reforza a súa oferta lúdica, pensada especialmente para as persoas maiores, con diferentes iniciativas a realizar ao longo das vindeiras semanas. A primeira delas será o día 23 de febreiro, cando se celebre unha comida de confraternización no restaurante Casa Angelita, na que se poderá degustar un cocido. O prezo por persoa será de 25 euros. Os e as interesadas poderán anotarse chamando ao número de teléfono 986872401 ou de xeito presencial nas dependencias da Casa Rosada.

O concelleiro de  Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, vén de pasar revista ao estado no que se atopa a reforma integral do núcleo de San Salvador entre Saíñas, A Puntada e Portosanto. Trátase dun proxecto xa iniciado no segundo semestre de 2022 e que inclúe a dotación de servizos básicos e a humanización da contorna, garantindo o respecto pola súa peculiaridade como núcleo tradicional e a mobilidade e accesibilidade universal. O edil do Goberno local constata que a empresa adxudicataria, Covsa, está a cumprir cos prazos previstos. A día de hoxe a reforma xa está practicamente completa na zona de Saíñas, onde se procedeu á instalación dos servizos básicos e a nova superficie, moito máis respectuosa coa contorna e que tamén serve para darlle un maior protagonismo ao tránsito peonil.

Durante o ano 2022 o servizo de recollida de voluminosos retirou unhas 65 toneladas de restos localizados en diferentes espazos públicos. Son actuacións que, tal e como explica o edil de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, foron levadas a cabo a maiores das saídas que se levan a cabo a petición da veciñanza. Casás ten claro que esta prestación, totalmente gratuíta, “está moi consolidade e cada vez son máis as persoas que fan uso dela”, se ben recoñece que “temos que seguir incidindo na importancia de non abandonar lixo en recipientes que non se corresponden coa tipoloxía do resto ou en plena rúa”.

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, vén de anunciar unha nova convocatoria do Plan Músico-Cultural do Concello de Poio. Trátase dunha liña de axudas, cun orzamento que ascende a un total de 16.000 euros, aberta por primeira vez durante o mandato vixente, co obxectivo de promover a contratación de grupos de música popular e folclóricos do municipio para amenizar a celebración de diferentes eventos. “Decidimos repetir esta proposta tendo en conta a demanda e a boa resposta que tivo entre o tecido asociativo”, explica Rodríguez Alonso. A boa acollida desta iniciativa queda demostrada nos datos correspondentes a 2022. Acolléronse a este plan colectivos organizadores de preto de 40 festexos e actividades culturais, co que se custearon máis de 100 actuacións ao longo de todo o ano pasado.



A concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez (BNG), vén de visitar, acompañada pola tamén nacionalista Marga Caldas, as dependencias da Biblioteca Municipal, en Campelo, onde o Concello acometerá unha actuación encamiñada a mellorar e garantir a accesibilidade universal. A edil do Goberno local explica que nas vindeiras semanas iniciaranse os traballos, que estarán listos ao longo deste ano. O comezo das obras farase realidade lo que de que se completase o pertinente proceso de adxudicación. A empresa Construcciones y Fachadas García será a encargada de facer realidade o proxecto. O investimento total ascende a 71.799,17 euros, IVE engadido.