A rehabilitación da Primeira Travesía da Seara, na parroquia de San Xoán, xa é practicamente unha realidade. O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), pasou revista hoxe ao estado que presenta esta rúa, cuxa reforma integral está case finalizada. Tanto é así, que se agarda que nos vindeiros días xa se poida reabrir de xeito definitivo o tránsito de vehículos, logo de que se pechase ao tráfico durante os últimos meses para o desenvolvemento dos traballos, que están a ser executados pola empresa EC Casas.
A concelleira de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, lembra que segue aberto o prazo de inscrición para participar nunha nova saída correspondente ao programa ‘Andainas de Primavera’. Nesta ocasión, o desprazamento realizarase ata o concello da Lama, onde as persoas inscritas participarán na coñecida como Ruta da Liberdade. Esta será a cuarta excursión que se leve a cabo a través desta programación, logo do éxito acadado en semanas anteriores nos desprazamentos realizados a Castrelo (Cambados), Pontesampaio (Pontevedra) e á fervenza do segade, en Caldas de Reis.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar hai uns días o expediente para a contratación de seis socorristas que, tal e como xa ven sendo habitual desde hai anos, prestarán servizo de vixía na praia de Cabeceira, que disporá un ano máis de bandeira azul, e na de Xiorto, na parroquia de Raxó. O alcalde, Luciano Sobral, confirma que a devandita contratación, da que se beneficiarán persoas en situación de desemprego, será por un período de tres meses. O servizo porase en marcha a principios de xullo e permanecerá operativo ata setembro. As bases de contratación xa se poden consultar na Sede Electrónica. Poderán optar a estas prazas aquelas persoas incluídas na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia, en base á oferta de emprego presentada polo Concello.
O Casal de Ferreirós acolleu este venres o acto de presentación do libro Pasaba por aquí e quedei un intre, no que o cantautor e músico Xoán Rubia fai un repaso á súa ampla traxectoria musical, iniciada hai máis de medio século. O alcalde, Luciano Sobral, foi o encargado de presentar a charla, na que o artista de Mugardos contou numerosas anécdotas e interpretou algunhas das súas composicións.