A tenente de alcalde e responsable de Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio), visitou este mércores as remodeladas dependencias do local social de Tarrío, no que o departamento municipal vén de promover unha importante reforma. Díaz desprazouse ata o inmoble, situado na parroquia de Samieira, para dar a benvida ao alumnado do Programa Saudemente, que retoman a súa actividade nestas dependencias unha vez concluídas as tarefas, e estivo acompañada pola edil de Benestar Social, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), e o concelleiro de Obras, o tamén socialista Julio Casás.
As formacións impulsadas a través da segunda edición do programa Descubre Poio, promovido pola Concellería de Turismo, xa están en marcha. A pasada semana o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acolleu unha sesión formativa para profesionais do sector, que se centrou no uso das redes sociais. A cita, na que tomou parte a tenente de alcalde e concelleira delegada da área, Silvia Díaz (Avante Poio), estivo ao cargo de Alberto Ribas, ‘Alvientooo’, un ‘blogger’ especialista en viaxes e creador de contidos veciño de Poio.
O concello de Poio contará por primeira vez neste 2023 con dous Sendeiros Azuis. Así o confirma o alcalde, Luciano Sobral, que informa de que ao distintivo acadado en 2022 para o paseo litoral entre A Seca e Lourido súmase nesta ocasión o tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, cuxa primeira etapa pasa polo municipio poiense, ata chegar ao Mosteiro da Armenteira (Meis). Este selo de calidade é outorgado cada ano pola Asociaicón de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac), a través do cal recoñécense os recursos naturais, ambientais e de lecer que presentan este tipo de espazos ao aire libre. O rexedor participará o vindeiro 24 de febreiro no acto de entrega das bandeiras, que terá lugar en Santiago de Compostela.
Unha lectura de poemas e dun manifesto, sesións de contacontos para as crianzas e a campaña #FalaBonito son algunhas das iniciativas que este ano o Concello de Poio impulsa para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, o vindeiro xoves 23 de febreiro. Unha programación que nesta edición leva como eslogan ‘Rosalía saca a lingua’. A concelleira de Dinamización Lingüística, Raquel Rodríguez (BNG), acompañada pola tamén nacionalista Marga Caldas e a responsable da Biblioteca Municipal, Macarena Ferreiro, deu a coñecer as iniciativas a desenvolver ao longo desta semana, que se suma á campaña #FalaBonito, xa posta en marcha nos centros educativos de Poio co obxectivo de incidir na promoción e fomento da utilización da lingua galega entre o alumnado.
O Entroido xa está en marcha en Poio. O pistoletazo de saída tivo lugar este domingo, coa recuperación do tradiciónal Desfile, que dá inicio a unha programación que se prolongará ata ben entrado o mes de marzo. Centos de persoas congregáronse entre a Praza da Granxa de Campelo e A Seca para gozar cos espectáculos, os disfraces, os deseños e o colorido da espectacular comitiva, que contou cunha alta participación. O Concello de Poio repartiu máis de 6.500 euros en premios entre os mellores disfraces, elixidos polo xurado formado polos membros da Comisión de Cultura.