O Concello de Poio recorda que se mantén activo o servizo de préstamo de biotrituradoras, que leva operativo desde finais do primeiro trimestre do ano. A día de hoxe preto de medio cento de persoas fixeron uso destes dispositivos, que se poden solicitar de xeito temporal chamando ao Consistorio (986770001) ou poñéndose en contacto coa mestra composteira no 604025288. A recollida da maquinaria realízase en horario de mañá na Reiboa, A Seca. Cómpre lembrar que o Concello adquiriu un total de dez biotrituradoras ao abeiro unha achega de fondos europeos obtidos a través da Xunta de Galicia, que se invisten na realización de iniciativas e medidas encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos.
O Concello de Poio deu a coñecer este martes o contido da programación das Festas de San Xoán, que, como xa é habitual, terán lugar entre os días 22 e 26 de xuño. Trátase dunha cita de referencia dentro da bisbarra de Pontevedra, que, un ano máis, contará cun gran número de actividades, entre as que destacan a tradicional sardiñada, o prendido da fogueira na noite máxica do 23 ao 24, a lectura do pregón e as verbenas, sen esquecer os actos relixiosos. O inicio dos festexos terá lugar o xoves 22, ás 20.30 horas, coa interpretación do Himno de Galicia e a Danza de San Xoán, na que a comitiva participante percorrerá toda a rúa Fernández de la Mora ata chegar á Praza do Mosteiro.
O Concello de Poio informa de que o vindeiro xoves, día 8 de xuño, abrirase o prazo para a comunicación das grelladas para locais de hostalería, así como para cacharelas en espazos privados ou públicos na noite de San Xoán, do 23 ao 24 deste mes. O período permanecerá aberto ata o mércores 21 inclusive. No caso das solicitudes para a festividade de San Pedro, deberán presentarse entre os días 22 e 26 de xuño, ambos incluídos. As tramitacións realizaranse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello, operativa as 24 horas do día. No seu defecto, tamén será posible facelo mediante instancia presentada de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello.
SOLICITUDES
A Escola de Música de Poio (ESMU) desenvolverá un campamento de verán, dirixido a mozos e mozas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos, a longo do vindeiro mes de xullo. En concreto, a iniciativa terá lugar entre os días 3 e 31 do devandito mes. Durante esas xornadas, a mocidade que se inscriba terá a oportunidade de tomar parte non só en actividades de práctica musical, senón tamén noutras de lecer, lúdicas e deportivas.
A Concellería de Benestar Social e Mocidade informa de que quedan prazas libres para participar nunha excursión á localidade portuguesa de Monçao. O desprazamento será o xoves 8 de xuño, con saída da rotonda da Barca ás 11.00 horas e retorno o mesmo día ás 18.00 horas. Inclúese pasar un día na Feira en Monçao, ademais dun xantar e un acceso ao circuíto termal das devanditas instalacións. A cota a pagar é de 38 euros por persoa, que tamén inclúe o transporte.Desde o departamento municipal infórmase de que se lle dará prioridade á veciñanza que estea empadroada no concello de Poio, así como a persoas da terceira idade. Pódese obter máis información chamando ao teléfono 986872401, así como no Pazo de Besada e na Casa Rosada. Tamén é posible resolver dúbidas enviando un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..