A Concellería de Festexos destinará un total de 62.500 euros a axudas para a organización de festas e actividades lúdicas. Así o confirmou o titular da área, Xosé Luís Martínez (BNG), que explica que esta é a dotación que se inclúe no Orzamento municipal aprobado a principios deste 2023. “Renovamos a nosa aposta á hora de apoiar ao sector cultural en todas as súas dimensións, de xeito que se facilite o fomento de actividades lúdicas, festivais, festas patronais, parroquiais ou gastronómicas e iniciativas similares”, explica o concelleiro do Goberno local, que incide na importancia de dar visibilidade e promoción a actividades de interese local desenvoltas por asociacións, colectivos e entidades sen ánimo de lucro.
O Palacete de Besada congregou na tarde-noite deste pasado venres a un gran número de persoas, entre as que figuraban personalidades políticas, familiares, amizades e veciñanza en xeral que non quixeron perdese a máis ca merecida homenaxe realizada a Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador), cinco mulleres do municipio de Poio que, polo seu tesón, a súa forza e a súas respectivas traxectorias a nivel social, familiar e laboral durante moitas décadas son “heroínas durante os 365 do ano”.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), informa de que a pista polideportiva situada na Granxa, na localidade de Campelo, conta desde hai uns días cun novo peche e rede a modo de cuberta. Trátase dunha actuación que o Concello levou a cabo para garantir a convivencia entre os usuarios e usuarias destas instalacións e a veciñanza, no que é un dos grandes puntos de encontro existentes neste núcleo da parroquia de San Xoán.
A Concellería de Obras e Servizos Municipais, dirixida polo socialista Julio Casás, informa de que a partires da vindeira semana xa estarán a disposición da veciñanza as dez biotrituradoras que o Concello de Poio adquiriu recentemente, ao abeiro dunha achega de fondos europeos obtidos a través da Xunta de Galicia, que se invisten na realización de iniciativas e medidas encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos. A contía total supera os 77.000 euros, que tamén se invisten en actuacións como a adquisición de composteiros individuais e a instalación de dispositivos comunitarios.
O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, deu a coñecer este mércores boa parte da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, unha iniciativa que fará que actúen no municipio, en diferentes datas, orquestras e grupos musicais moi coñecidos e de gran relevancia “máis aló das nosas fronteiras”. Tal e como xa se tiña anunciado, a batería de concertos dará comezo o 31 de marzo e concluirá o 16 de maio.