fbpx

O Concello de Poio proxecta a dotación de entre 100 e 150 novas prazas gratuítas de aparcamento na parroquia de San Salvador. En concreto, o Goberno municipal contempla poñer a punto nas vindeiras semanas unha parcela, de titularidade privada, que se sitúa nas inmediacións da Rúa Palestina. O alcalde, Luciano Sobral, inspeccionou esta semana os terreos, que foron cedidos de xeito desinteresado polo seu propietario para acometer esta actuación, feito que foi agradecido polo rexedor nacionalista.

Tal e como explicou o propio Sobral, a finca na que se habilitará este aparcamento conta cunha extensión que supera os 2.500 metros cadrados aproximadamente. “É espazo suficiente para albergar unha cantidade importante de vehículos nas proximidades dun dos principais núcleos do noso municipio”, salienta o alcalde de Poio, que detalla que a parcela se atopa nas proximidades do Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra, na avenida da Andurique, ou das instalacións da Galiña Azul. Ademais, tamén se atopa moi preto da contorna da Barca.

Unha vez acadado o acordo co propietario do terreo para a súa cesión, o Concello de Poio deberá levar a cabo unha serie de traballos antes de que a parcela poida ser utilizada. Luciano Sobral adianta que os operarios municipais procederán á instalación dun peche para delimitar a parcela a utilizar con outra anexa, que tamén é de titularidade privada. Ademais, tamén será preciso levar a cabo movemento de terras para igualar e deixar a superficie en boas condicións. Finalmente, instalaranse varios puntos de luz. A intención do Concello é que esta explanada poida ser utilizada pola veciñanza nos vindeiros meses, a ser posible xa en primavera. “Os traballos que máis tempo van levar serán os correspondentes ao movemento e nivelado da terra. Confiamos en que as condicións meteorolóxicas acompañen e nos permitan rematalos no menor tempo posible”, sinalou o líder do Goberno local. A parcela contará con dous accesos para os vehículos, un situado no Camiño das Bocas e outro na propia rúa Palestina, nas proximidades da Galiña Azul.

O Concello continúa realizando xestións con outros propietarios de diferentes parcelas para continuar aumentando o número de prazas de estacionamento nas parroquias de Poio, especialmente naqueles lugares onde existe un déficit deste tipo de espazos. No caso do núcleo da parroquia de San Salvador, ata agora contaba con dúas grandes áreas para estacionar: a Praza Riestra e as inmediacións da Praza Colón. Ambas suman unha extensión que supera os 3.700 metros cadrados. “Seguiremos traballando para continuar aumentando o número de prazas”, asegura o alcalde.