fbpx



A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, amosa a súa satisfacción pola obtención por parte do Casal de Ferreirós do distintivo Q de Calidade, outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española. A titular desta área explica que “estamos a falar dun distintivo de recoñecido prestixio, a través do cal queda garantido o cumprimento dunha serie de requisitos e compromisos para ofrecer un servizo de calidade aos usuarios e usuarias”.

Neste sentido, a concelleira de Avante Poio sinala que esta é a primeira ocasión na que se solicitou a obtención deste selo para as dependencias situadas no núcleo da parroquia de San Salvador. O Casal de Ferreirós, pasa, deste xeito, a formar parte do grupo de oficinas turísticas da provincia de Pontevedra que dispón da Q de Calidade. Ata o de agora eran sete, ás que se suman, ademais da de Poio, as de Nigrán e A Estrada.

“Continuamos traballando para consolidar a aposta que deste a Concellería de Turismo facemos polo prestixio, a diferenciación e o rigor á hora de dar resposta ás necesidades das persoas que solicitan información ou asesoramento nestas dependencias”, indica a concelleira responsable deste departamento, que lembra, asemade, que ademais o Casal de Ferreirós conta desde o ano 2005 co distintivo de calidade do Sistema Integral de Calidade Turístico en Destinos (Sicted), promovido pola Secretaría do Estado de Turismo (SET), en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Deputación de Pontevedra. Este selo tamén o vén de renovar o Centro Arqueolóxico da Caeira. Estas instalacións contan con esta certificación desde o ano 2009.

Silvia Díaz salienta que o Casal de Ferreirós é, xunto co restaurante Pepe Vieira de Raxó, o único local do municipio que obtén a Q de Calidade, unha certificación á que aspiran diferentes servizos, entidades e emprazamentos vencellados ao sector turístico, como poden ser, por exemplo, os portos, as praias, aloxamentos turísticos ou axencias de viaxes. Ademais de acoller diferentes iniciativas e eventos durante o ano, estas instalacións tamén achegan información turística durante todo o ano, recibindo un maior número de visitas durante os meses de verán. A concelleira de Avante Poio indica que se fixo un investimento de 3.000 euros aproximadamente, destinado a diferentes actuacións, como a dotación de códigos QR, folletos turísticos, mellora das instalacións ou a actualización de ferramentas de traballo, mentres que os custes de tramitación da solicitude da Q de calidade foron financiados pola Deputación de Pontevedra, xa que o Casal de Ferreirós forma parte da Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas.