fbpx

O Concello de Poio informa de que durante este xoves 3 de decembro  desenvolverase un operativo especial de tráfico na contorna do Casco Histórico de Combarro, para permitir a rodaxe dunha produción audiovisual de gran relevancia, a cargo de Bambú Producciones, unha empresa referencia no sector fundada no noso municipio.

Como consecuencia desta actividade, cortarase o tráfico e o tránsito peonil en varias zonas do núcleo entre as 9.30 e as 21.30 horas. Ademais, só se permitirá o acceso aos residentes. Asemade, na Avenida da Cruz, na PO-308, reservarase unha extensión duns 120 metros aproximadamente para o estacionamento exclusivo dos vehículos que traballan nesta rodaxe.

O Concello agradece a comprensión dos veciños e veciñas, en favor dunha iniciativa que axudará a dar un novo pulo, a nivel internacional, dun dos nosos emprazamentos máis emblemáticos e importantes desde o punto de vista histórico e patrimonial. Neste sentido, a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, lembra que non é a primeira vez que o Casco Histórico de Combarro se converte temporalmente en escenario dunha rodaxe desta magnitude. “Agradecemos aos responsables desta gran produción audiovisual que elixisen Combarro para que forme parte deste proxecto tan ambicioso”, indicou a edil do Goberno local, que en todo momento se mantivo en contacto cos responsables da gravación para poder dar resposta ás súas necesidades. “O feito de que esta produción corra a cargo dun referente do sector audiovisual como Bambú, coas súas raíces en Poio, é para nós tamén un motivo de orgullo”, finalizou Silvia Díaz. Precisamente, a concelleira de Turismo estivo hoxe pasando revista, xunto con responsables da gravación, ás localizacións nas que se levará a cabo a rodaxe e coordinando os lugares onde van necesitar a colaboración do Concello.