fbpx

Contra a soidade non desexada, unha chamada. Este é o lema que define o espírito da nova iniciativa impulsada desde o departamento de Servizos Sociais de Poio para continuar co seu labor de contacto permanente coas persoas maiores de 65 anos do municipio. Trátase de ‘Ata máis ver’, unha campaña que está dirixida a xubilados e xubiladas, pensionistas, etc que vivan sos, cos que se quere establecer unha canle directa, agora máis que nunca nestes tempos tan difíciles marcados pola COVID-19, “para que poidamos continuar moi pendente das súas inquedanzas, peticións ou necesidades”.

Así o explicaron na mañá deste mércores a concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, e as técnicas responsables de coordinar a actividade. “Queremos que estes veciños e veciñas perciban que as portas da Casa Rosada están abertas e que a nosa equipa de profesionais están para acompañalos e axudalos en todo o que poidan precisar”, recalcou Fernández González. O departamento municipal calcula que a través desta campaña se chegará a 560 persoas, que son as que figuran rexistradas como maiores de 65 anos e que viven sen compañía. Proximamente se lles remitirá a todos e todas unha carta, a través da cal se lles invita a participar na iniciativa. “A primeira chamada a terá que facer a persoa maior interesada, que deberá contactar coa Casa Rosada para deixar o seu teléfono e rexistrarse no noso listado”, explicaron as responsables da campaña. A partir de aí, as técnicas procederán a realizar chamadas de xeito periódico a todas estas veciñas e veciños que o soliciten.

Rosa Fernández incidiu, asemade, na necesidade de que nesta iniciativa tamén se involucren os Centros de Saúde e as farmacias da vila, xa que “en moitas ocasións son estes profesionais os que teñen a capacidade para detectar o estado de soidade e illamento de moitos dos nosos maiores”. A Concellería de Benestar Social e Mocidade ten claro que actuacións coma esta son agora máis necesarias que nunca, nun contexto no que “os e as nosas maiores son un dos grupos máis vulnerables contra a COVID-19, véndose na obriga de permanecer nas súas casas durante moitos meses, sen apenas ter contacto coas súas amizades ou a súa veciñanza”, advertiu Fernández.

Esta campaña súmase a outras iniciativas que vén desenvolvendo o departamento de Servizos Sociais desde o inicio da pandemia para tratar de mellorar a calidade de vida destes veciños e veciñas. Cómpre lembrar que desde hai meses estase a entregar, grazas á colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, ás persoas inscritas no programa Saudemente sobres e material para realizar diferentes exercicios e traballos sen saír dos seus domicilios.