fbpx

O alumnado do CEIP Viñas continúa a participar nas diferentes actividades do programa educativo Apúntate á Compostaxe, pertencente ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e no que tamén participa o Concello de Poio. Trátase dunha iniciativa que busca concienciar aos máis cativos e cativas da necesidade e importancia de apostar por esta fórmula, en favor do medio ambiente.

Logo do seu inicio a pasada semana, estes días os estudantes están a traballar en diferentes facetas. Así, durante o pasado luns os alumnos de 5º e 6º de Primaria participaron nunha charla coloquio que versou sobre as diferentes aplicacións prácticas da compostaxe. Pola súa banda, rapaces e rapazas de 3º e 4º gozaron este martes co taller ‘Quen vive aí?’, mentres que este mércores será a quenda dos de 1º e 2º de Primaria, coa actividade ‘Os bichocos e a composteca’. Todas estas iniciativas están adaptadas en función da idade do alumnado e cumpren con todos os requisitos sanitarios, de aforo e distanciamento marcados pola pandemia da COVID-19. Ademais das explicacións dos técnicos e do uso de material audiovisual, tamén se imparten en diferentes grupos, para garantir as distancias.

A Concellería de Educación, dirixida por Raquel Rodríguez, destaca a boa acollida que está a ter este programa e confía en que proximamente se poida desenvolver en máis centros educativos do municipio.