fbpx



Preto dun cento de negocios do tecido comercial e hosteleiro do municipio están representados no mapa virtual de Poio Confía. Trátase dunha ferramenta ‘on line’, que o Concello, a través dos departamentos de Promoción Económica e Turismo, están a ultimar, para poñela á disposición da cidadanía. Neste contido, a veciñanza poderá consultar información vencellada a preto dun cento de negocios locais que dispoñen do selo distintivo que os acredita como establecementos seguros, que cumpren con todos os requisitos en materia de seguridade sanitaria, aforo e hixiene, decretada pola pandemia da COVID-19.

O concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, e a edil de Turismo, Silvia Díaz, lembran que a día de hoxe son máis de 100 os negocios de Poio que foron asesorados a través deste programa. “Con este mapa virtual, o que se busca é un dobre obxectivo. Por unha banda, entendemos que é necesario ofrecer aos veciños e veciñas unha ferramenta que resulte sinxela e efectiva á hora de realizar a busca dalgún servizo que precisen. Ademais, temos claro que tamén é prioritario darlle visibilidade ás pequenas empresas e autónomos, para poñer en valor o seu esforzo e compromiso neste contexto tan difícil”, explican os responsables de Poio Confía.

No mapa pódese atopar información sobre negocios de diferentes eidos. Tendas de produtos do fogar, autoescolas, comercios de todo tipo, talleres de vehículos, librarías, profesionais do rotulado, locais de tatuaxes ou zapaterías están entre os negocios co selo de seguridade garantida. Ademais, no mapa virtual hai un apartado especial para todos aqueles establecementos da hostalería que dispoñen de servizo de recollida de comida para levar ou de envío a domicilio. Deste xeito, os e as interesadas poderán informarse sobre os seus produtos e horarios de funcionamento, entre outros datos. Os negocios hostaleiros interesados en sumarse a esta iniciativa poden enviar os seus datos á dirección de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Ademais, ponse á súa disposición o teléfono 625120475 para resolver calquera tipo de dúbida.

O Concello lembra que tamén se porá en marcha proximamente a campaña ‘Quen é quen?’, co obxectivo de dinamizar o consumo de proximidade, poñendo en valor o comercio local, especialmente durante a campaña do Nadal. Entre os atractivos desta iniciativa está o ofrecemento de descontos á hora de efectuar compras noutros establecementos locais que tamén se asocien á campaña, senón que entrarán no sorteo de diferentes agasallos que se entregarán a finais do vindeiro mes de decembro. Deste xeito, no momento de efectuar unha compra, outorgaráselle un vale de desconto ao cliente, do que poderá facer uso noutros negocios adheridos. Ese vale incluirá un código para o sorteo.

A nivel visual, os negocios participantes contarán cun selo acreditativo, que estará exposto tanto no local como no mapa virtual de Poio Confía. Os responsables de Promoción Económica e Turismo manteñen contacto permanente cos sectores locais para continuar traballando na posta en marcha de ferramentas e iniciativas útiles para os sectores máis castigados pola pandemia.