fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; o concelleiro de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguimento de Tambo, Gregorio Agís, e a edil de Participación Veciñal e Turismo, Silvia Díaz, mantiveron na mañá deste mércores unha reunión telemática co xefe provincial de Costas, Enrique Fernández Menéndez, para continuar avanzando no proceso de cara a conseguir a apertura á cidadanía da Illa de Tambo, cuxa titularidade segue a ser na actualidade do Ministerio de Defensa, pese a que o enclave xa non acolle actividade militar desde o ano 2002.

Nesta cita, que é valorada de xeito “moi positivo” polo Goberno local, abordáronse diversas cuestións, como as actuacións que o Concello de Poio tería que asumir unha vez se faga realidade a apertura da illa. Neste sentido, os representantes locais deixaron claro o seu compromiso á hora de acometer o mantemento e limpeza das praias, así como a súa vixía. Ademais, a Administración local tamén está disposta a traballar na conservación do espigón, onde se realizan os atraques das embarcacións, de cara ao futuro, para poder garantir a realización de visitas. “Son actuacións asumibles e é lóxico que sexa o Concello que as leve a cabo unha vez dispoña da titularidade da illa”, indica o equipo liderado por Luciano Sobral. Precisamente, o rexedor explicou que se producirán proximamente novas reunións co departamento provincial de Costas e destacou a “boa sintonía” existente entre as administracións implicadas para poder facer realidade esta demanda histórica por parte do tecido colectivo e veciñal do municipio.

O Goberno municipal sinala que tamén hai que continuar avanzando noutras cuestións relacionadas con Tambo, como é a recuperación e posta en valor da súa riqueza patrimonial. Neste sentido, preténdese continuar coas conversas co Ministerio de Defensa, para abordar cuestións como o estado do lazareto ou dos restos da capela de San Miguel. Neste sentido, cómpre lembrar que, nunha conversa recente mantida entre o alcalde e responsables de Defensa, o departamento estatal comprometeuse á elaboración, por parte dos seus técnicos, dun informe sobre o valor patrimonial da illa.

Outra cuestión na que o Concello tamén incide é en garantir que o traspaso da titularidade se realice con todas as garantías no que a materia de protección do enclave se refire, tal e como se lle trasladou aos colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo na reunión telemática celebrada a pasada semana. O Goberno local comprométense a manter convocatorias periódicas deste órgano para informar dos avances que se vaian acadando. “A pesar de que é un proceso complexo, estamos no bo camiño para acadar o obxectivo de que Tambo poida ser gozado pola veciñanza e os e as visitantes que veñan a Poio, poñendo en valor a súa riqueza patrimonial, histórica, medio ambiental e turística”, conclúe o alcalde.