fbpx



O Concello de Poio vén de adxudicar os traballos para mellorar a sinalización existente nas rutas dos muíños da Freixa, na parroquia de San Xoán, e de Samieira. Trátase dunha iniciativa impulsada desde a Concellería de Turismo e que conta cun orzamento que supera os 18.000 euros. Está previsto que as tarefas dean comezo nos vindeiros días e finalicen en poucas semanas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. A titular deste departamento, Silvia Díaz, explica que a finais de 2019 solicitouse unha achega á Axencia Galega de Turismo, dependente da Xunta de Galicia, para levar a cabo esta actuación. Sen embargo, o estado de alarma obrigou a paralizou a tramitación e, ademais, debido á nova situación derivada da crise provocada pola Covid-19 esta liña de axudas foi reconvertida en convenio por parte da Administración autonómica, que aporta o 65% da contía total do orzamento, mentres que o Concello asume o 35% restante (uns 6.300 euros aproximadamente). “Foi preciso aumentar a achega municipal, pero consideramos que é importante apostar pola boa conservación destes roteiros”, indica a concelleira de Avante Poio, que ten claro que estes espazos supoñen un gran reclamo para turistas e visitantes non só durante o verán, senón tamén de cara á desestacionalización.

Os traballos inclúen a reposición dos paneis informativos e da sinalización existente ao longo dos roteiros. Cómpre lembrar que o da Freixa conta con sete muíños, nunha extensión de 1,8 quilómetros. Polo que respecta a Samieira, consta de 23, dez dos cales foron restaurados, ademais de tres fontes. A lonxitude total é de 5,5 quilómetros (ida e volta). Silvia Díaz sinala que os materiais das novas sinalizacións serán respectuosas coa contorna. A reposición faise necesaria, xa que varios destes paneis se atopan moi deteriorados e mesmo algúns deles desapareceron dos seus emprazamentos. Os sinais ofrecerán aos visitantes planos, imaxes e textos explicativos sobre a flora e a fauna existente nestes espazos, así como os nomes dos muíños. Ademais, o proxecto tamén contempla reforzar a sinalización na PO-308 e na PO-303, desde as cales se accede a ambos roteiros. A adxudicación dos traballos foi aprobada na última Xunta de Goberno Local, que tivo lugar o pasado martes 6 de outubro.