fbpx

O Concello de Poio vén de adxudicar a remodelación integral da cuberta da Casa Consistorial á empresa Construcciones Orega Sociedad Limitada. Trátase dun ambicioso proxecto que contempla a substitución da cuberta actual, que permitirá mellorar a eficiencia enerxética, grazas á dotación dun sistema de illamento moito máis eficaz, que servirá para reducir filtracións de aire e humidade, co conseguinte aforro dos custes de subministro eléctrico.

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación na sesión celebrada o pasado martes, 6 de outubro. Esta actuación contará cun orzamento que ascende a 238.704,13 euros. Ademais, a firma adxudicataria ofrece un período de garantía de obra de 36 meses. Polo que respecta aos prazos de execución, serán de seis meses, polo que, se non se produce ningún imprevisto, a actuación podería estar rematada de cara ao verán de 2021. O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, explica que as obras non afectarán ao funcionamento habitual do Consistorio, que continuará prestando servizo á veciñanza con normalidade. Ademais, o edil do PSdeG-PSOE engade que entre os beneficios desta obra tamén hai que engadir un maior aproveitamento do espazo na planta superior, que pasará a contar con dúas oficinas a maiores y outros tantos almacéns, cunha superficie útil de máis de 120 metros cadrados. Tal e como se reflicte no informe elaborado pola arquitecta municipal, o proxecto cumpre con todas as normativas urbanísticas, técnicas e sectoriais.

As obras iniciaranse coa demolición da cuberta existente e da súa estrutura, formada por tabiques ‘palomeros’ de ladrillo e viguetas prefabricadas de cementoferro. Posteriormente, pasarase a construír a nova cuberta, mantendo a xeometría orixinal a catro augas. O novo espazo útil na planta de baixocuberta será unha realidade mediante a instalación dunha bufarda de once metros de fronte no faldón posterior da cuberta, con tres ocos verticais que seguen a composición da fachada. O novo material constará dunha tella cerámica curva sobre un panel composto por fibrocemento e poliuretano, garantindo, deste xeito, o illamento térmico. Ademais, a nova cuberta contará con pórticos e correas de madeira laminada. Tamén se habilitarán luminarias ‘led’, que garanten un maior aforro no consumo enerxético.

Esta actuación financiarase a través dos fondos que o Concello obtivo do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que foron tramitados pola Concellería de Promoción Económica. Precisamente, estas xestións tamén permitiron obter as achegas necesarias para acometer a reforma da cuberta do pavillón polideportivo da Seca e melloras no ximnasio municipal.